De Xosé Fuentes Alende e Isaac Díaz Pardo
Xosé Fuentes Alende é un dos galegos que dentro do eido da investigación antropolóxica e etnográfica ten destacado e destaca de xeito faiscante. Numerosísimos son os seus estudos publicados en revistas de investigacións, algúns tan interesantes como aquel que versa sobre o bautizo prenatal na Ponte do Ramo (Cuntis), porén sobresaen aqueles que teñen que ver cos exvotos e a relixiosidade popular. Por mor destes últimos foi merecente do I Premio de Investigación Olimpio Arca Caldas (2017), convocado polo seu concello natal, Cuntis.
Moitas e moitos de nós recordámolo no Museo de Pontevedra, ocupando o seu despacho como secretario técnico (función que desempeña entre 1991 a 2014)... Dende o punto de vista intelectual, destacamos a súa rigorosidade; e dende o eido persoal, a súa calidade humana e amabilidade. Por iso é unha honra poder contar con Fuentes Alende nesta homenaxe a Isaac Díaz Pardo, e que participen membros do Museo de Pontevedra como el ou Carlos Valle resulta aínda moito máis satisfatorio.
Deixamos aquí para todas as persoas interesadas a manda (de loanza e recordo) que lle dedica a Isaac, nós entregamos para ambos a gratitude sincera e unha manchea de parabéns.
DO PRIMEIRO
ENCONTRO CON DÍAZ PARDO: A LÁMPADA EXVOTO DE
CERVO
Por Xosé Fuentes Alende
Foi a comezos do ano 1987 cando tiven a honra de poder tratar cara a cara a un personaxe que só coñecía de ouvidos e por referencias escritas, polas que sabía da súa valía e das diversas iniciativas artísticas, culturais e empresariais que tiña levado a cabo, como era Isaac Díaz Pardo. O Museo de Pontevedra fora escollido para participar na programación de Carrefour des Régions d’Europe a celebrar na Bretaña francesa con dúas exposicións, unha dedicada ó fotógrafo alaricano José Suárez e outra sobre exvotos mariñeiros en Galicia. Esta celebraríase primeiro no Musée des Beaux-Arts de Brest e logo no Museo pontevedrés, integrada por corenta pezas de cada unha das rexións. Dela fun designado comisario, ou encargado de localizar e seleccionar os exvotos de todo tipo relacionados co mundo do mar en territorio galego. Tarefa ardua, xa que a bibliografía era parca e pouco podiamos sacar dela, polo que o único e mellor camiño era o traballo de campo.
E así foi que un día collín rumbo cara o norte, con parada en Mondoñedo, onde dei con maquetas de barcos no santuario dos Remedios, logo en Ribadeo, cos cadros, maquetas e fotos de Vilaselán e co barco procesional de Rinlo. E sobre a marcha, indo para Viveiro, con detención prevista nas distintas localidades costeiras para visitar igrexas e inquirir das xentes información sobre a existencia de exvotos, de socato xurdiume a idea de apartarme da estrada pola esquerda en Cervo e achegarme ata a factoría de Sargadelos, por unha banda para coñecela in situ e por outra por ver se cadraba a estar alí, alternando coa súa presenza no Castro de Sada, Isaac Díaz Pardo, impulsor da industria cerámica, primeiro no concello coruñés e despois, en 1970, cunha nova construción na parroquia cervense, conservando as vellas instalacións que deixaran de funcionar facía case un século.
O meu interese por falar con Isaac era dobre e egoísta pola miña parte: coñecelo en persoa e tratalo, dada a súa importancia dentro da cultura galega, e de paso conseguir algunha información sobre o tema no que eu estaba a traballar. Preguntei, despois de me presentar, por el na recepción e de contado me recibiu no seu despacho. Quedei impresionado pola súa figura enxoita, polos seus ollos saltóns, pola súa locuacidade e pola súa mente lizgaira, exultando un amplo sorriso e facendo gala dunha profunda amabilidade e disposición a axudarme como se me coñecese de toda a vida.
Acompañoume exercendo de guía polas novas instalacións proxectadas por Andrés Fernández-Albalat, con detidas explicacións sobre o proceso de transformación do caolín en figuras e pezas de louza seguindo os deseños de prestixiosos artistas galegos, e polas antigas, que foran declaradas Conxunto Histórico Artístico en 1972.
Pero non saín das instalacións de Sargadelos de baleiro no que respecta ó tema dos exvotos na zona da Mariña lucense. Isaac puxérame na pista dalgúns, pero o máis salientable sería un que se atopaba moi preto de alí, na igrexa parroquial de Santa María de Cervo: unha extraordinaria lámpada de prata, que puiden fotografar e achegarme ós detalles grazas ás facilidades dadas polo párroco. Un importante descubrimento no norte de Galicia, pois eu xa coñecía a da Basílica de Santa María de Pontevedra, da que resultou ser case idéntica.
Forma parte o exemplar cervense dunha serie de cinco lámpadas localizadas en Galicia, todas seguindo un mesmo patrón, posiblemente realizadas en praterías mexicanas e datadas no século XVII, formas e tipos estudados por Jesús Pérez Morera no relativo ás Illas Canarias: a primeira no tempo, posta en poxa pola sala Alcalá de Madrid, celebrada o 16 de marzo de 2017, datada en 1619, en cuxa inscrición se fai constar que é “DEL SANTISSIMO SACRAMENTO DE LA VILLA DE VIANA DEL BOLLO”, que fora enviada desde México; a citada de Santa María de Pontevedra, na actualidade situada na capela principal do lado da Epístola presidida pola imaxe do Cristo dos Mareantes, de 1662, na que, segundo Xosé Filgueira Valverde, se pode ler “SOI HECHA A COSTA DE LOS MAREANTES DEL GREMIO DE MAR DE PONTEVEDRA”, que sufriu danos nun roubo producido no 1894 e logo recuperada, sendo “RESTAURADA A EXPENSAS DE LOS MARINEROS” nese mesmo ano; a que nos ocupa, de 1673, na que naquel intre lemos “ESTA LAMPARA Y CORONA DE NA. SRA. DIO EL ALFERES PO. ZERDERAS POR SU DEVOSION A LA MADRE DE DIOS DEL ROSARIO DE SIERVO”; a da parroquial de Santiago de Cangas do Morrazo, ex Colexiata, encargada en México a finais do século polo cangués Juan de la
Vega como ofrenda ó Santísimo, traída pola Flota de Indias de 1698 ata Sevilla e de aí para Cangas, que foi expoliada polas tropas anglo-holandesas na batalla de Rande en 1702, feito polo que o propio doante mandou facer a actual ó mesmo prateiro e con idénticas características, que foi entregada entre 1714 y 1715, e que aparece reproducida e comentada no catálogo da exposición conmemorativa da referida batalla, e a da Catedral de Tui, sen marcas nen inscricións, que Manuela Sáez González ten datado no século XVII, sen poder concretar o ano. A estas cinco poderiamos engadir, se coñecésemos as súas características, unha sexta: a ofrecida á Virxe das Virtudes no seu santuario de Arante (Ribadeo), xunto coa bandeira do barco, un vestido para a imaxe e unha arroba de aceite, polo capitán de infantería Domingo de Carranza y Aguiar, cando se viu inmerso en 1595 nun gran temporal, ofertas executadas posiblemente en 1606, data en que o chantre e cóengo de Mondoñedo, Gonzalo de Amoeiro Camba, manda pintar o fresco que se conserva na capela.
Todas elas coinciden en estar formadas por unha campá ou cupulín superior, de onde caen polo exterior catro cadeas de elos furados, dos que colga o prato inferior, de maior diámetro que a campá, e polo interior outras catro, máis curtas, que suxeitan o aro metálico no que se introduce o vaso de cristal para poñer o aceite ou a vela. Ambos elementos, campá e prato, alternan zonas de perfil curvilíneo e troncocónico, e presentan decoración de gallos, espellos, follas, cintas…, rematando cun perillón bulboso con acantos. A campá da de Cervo está culminada por unha sinxela cruz cun gallardete partido, o mesmo que a da Basílica pontevedresa e a da ex Colexiata canguesa, diferenciándose estas dúas das outras en que os dous elementos, superior e inferior, están perfilados por unha crestería calada a xeito de encaixe.
Da inscrición da lámpada de Cervo despréndese que non foi ofrecida a Santa María como padroeira da parroquia, senón que o alférez Pedro Cerderas era devoto da Virxe do Rosario, a quen lla deu, pero ofrecendo ó mesmo tempo outra dádiva, como foi unha coroa, tamén de prata. A lenda, como noutros casos, non nos explicita o motivo polo que foron prometidas ambas pezas, debendo pensar que o fosen, ademais de por devoción, como agradecemento por algún favor recibido ou para pedirlle amparo nun intre difícil para o alférez, a modo de exvotos.
Non hai dúbida, pois, de que por esa desinteresada axuda teña que considerar a Isaac Díaz Pardo como un dos primeiros colaboradores na miña investigación sobre os exvotos en Galicia.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:
--Alcalá Subastas. 15 y 16 de marzo 2017, /Catálogo/, Madrid.
--FILGUEIRA VALVERDE, José, “La Basílica de Santa María la Mayor de Pontevedra”, El Museo de Pontevedra, t. XLII, Pontevedra, 1988, pp. 13-238, en concreto pp. 94-95 e lám. CXXXV.
--FUENTES ALENDE, Xosé, “Exvotos mariñeiros en Galicia”, en: Ex-voto marins de Bretagne et Galice. Exvotos mariñeiros en Galicia e Bretaña, Carrefour des Régions d’Europe, Musée des Beaux-Arts de Brest, 15 novembre - 21 décembre 1987, Museo de Pontevedra, 15 janvier - 31 janvier 1988, pp. 23, 48-49.
--PÉREZ MORERA, Jesús, “Platería novohispana en las Islas Canarias. Centros de origen y tipologías”, en: La plata en Iberoamérica, siglos XVI al XIX: congreso internacional, Jesús PANIAGUA PÉREZ, Nuria SALAZAR SIMARRO (Coords.), León, Universidad de León, 2008, pp. 533-564, en concreto pp. 547-548 e 558.
--Rande 1702. Arde o mar, Exposición conmemorativa do III Centenario da Batalla de Rande, Museo do Mar de Galicia, Vigo, 2002, p. 347.
--SÁEZ GONZÁLEZ, Manuela, La platería en la Diócesis de Tui, “Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia” del Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, La Coruña, 2001, p. 110.
Comentarios
Publicar un comentario