De Carmen Villar a Isaac Díaz Pardo
"Encantoume
que el me vira coma a Carmen de ollos grandes abraiada pola súa forza" (debuxo de Isaac Díaz Pardo) |
Lemos os seus versos, remoémolos, gustamos de retelos no padal por uns instantes, saboreamos todos e cada un dos seus fonemas e as nosas neuronas vanse nutrindo. A historia fica tamén na palabra, porque dende o idioma as papilas gustativas encontran o recordo, a identidade, o compromiso... E iso, sen dúbida, foi o que se nos suxeriu ao ler os versos de Carmen Villar, unha xornalista que foi quen de conversar e tratar a Isaac: "Logo por uns cantos anos compartín con el unhas cantas conversas cheas de razóns e puiden albiscar os seus valiosos tesouros como gardián da memoria".
Dicimos cerámica e vén á boca a forma do caolín, dicimos cobalto e vén á lingua a palabra Sargadelos... E como nos fabulosos versos de Carmen Villar, aterran esfinxes, maletas, sereas, oportunidades e sinfonías.
Beizóns, Carmen! Saúde e palabra!
benquerido isaac:
farto de que levarana música a outra parte
e as sereas
e as oportunidades
de converter a nosa terra
en diamantes
de letras e artes
puxécheste á fronte,
puxéchesnos por diante
renunciaches ao pincel
para construír esfinxes
e quimeras,
colosos de area
prestos a desfacerse
no mar do que naceran
porque
non chegaran
aínda os días
nin as noites
nin os tempos,
pero ti non o sabías
e cando marchaches
quedaron aínda máis baleiras
as sinfonías
e as maletas
seguían abríndose
e pechándose
coma no pasado
das vidas
pero o teu canto a galicia
valeu por varias vidas
e a túa memoria longa
convertiu o noso silencio
nunha fonte de xustiza
unha aperta tensa
Carmen Villar
Bendita a iniciativa da acción e da verba endexamais silenciadas
ResponderEliminar