Cimadevila, Lobato, Losada... e Isaac Díaz Pardo

A historia que aquí imos narrar -antes de que eles comecen a súa- podería ter orixe nunha reunión entre tres amigos que deitan a palabra ao redor dun café. Un historiador, un filósofo e un matemático (todos ademais escritores) conversan sobre a figura egrexia de Isaac Díaz Pardo. E sobre ese triángulo -dende os seus tres vértices diferentes e tres ángulos diversos- van saíndo anécdotas e reflexións sobre o señor de Sargadelos que cumpriría relembrar. 

Carlos Cimadevila, profesor e organizador do Seminario da Memoria Histórica (que impulsa Nova Escola Galega), coincide en Rianxo cun mestre do pensamento, Xosé Ricardo Losada, e nese contexto -onde Castelao, Dieste e Manuel Antonio tiveron os seus arrolos atlánticos- chega dende o Pico Sacro coa vela chea de palabras a dorna xeiteira de Xosé Manuel Lobato. Non seremos nós quen analicemos o contido da súa manda, pois deben ser as persoas boas e xenerosas as que beban desa apócema ou menciña que se chama recordo.

Adobían os tres as súas palabras coa imaxe daquel monumento ás xentes do mar que elabora o escultor F. Escudero en base a unha idea de Isaac Díaz Pardo. Algúns de nós, dos do Alento Esbravexo, aínda lembramos a maqueta que se conservaba no IGI xusto no momento no que Isaac recolle, con poucos folgos e moitas fraudes, todos os bártulos dunha vida. Facilitámola tamén aquí, para recordar as xentes do mar, para lembrar os ilustres berces de Rianxo e, sobre todo, para recuperarmos a memoria de Díaz Pardo.



Velaquí fica o relato de Cimadevila, Lobato e Losada... Beizóns aos tres!


O PAXARO QUE NON CORTOU AS ÁS PARA TER IMAXINACIÓN

Rumoréase por Rianxo que o día que Isaac Díaz Pardo baixou na praza de Castelao do coche que o levaba ao concello para ser nomeado fillo adoptivo da vila, unha pesca que estaba nunha das cafeterías da praza, tras ver aquel home de 88 anos, moi necesitado de axuda para desprazarse, e que non coñecía de nada, dixo: “Ese si que era un bo mozo para a duquesa de Alba”, facendo referencia ao amorío que a octoxenaria duquesa tiña por esa época cun home vinte e catro anos máis novo ca ela. E o rumor segue dicindo que cando un intelectual presente no momento da maledicencia, llo comentou con certa ousadía (pero tamén con coñecemento de causa da súa psicoloxía retranqueira) a Isaac Díaz Pardo, este, collendo, como facía moitas veces, o camiño que menos agardaba o interlocutor, espetoulle: Como aquel home do Castelao de Cincuenta homes por dez reás, esa pesca chámalle Pulex irritans a unha simple pulga.

Non ten moita importancia saber se a anécdota é real ou apócrifa. Esas cousas só lle interesan aos académicos e aos profesores universitarios, estamos convencidos que ninguén negará que ese era o mundo que menos lle interesaba a Isaac Díaz Pardo. O decisivo é que esa anécdota acerta plenamente (por iso nos fai sospeitar que é falsa) en dous aspectos que marcan os límites norte e sur da actividade intelectual, artística, empresarial e política do noso homenaxeado. Por un lado, o compromiso de non desilusionarse coa incultura e a ingratitude do pobo con aqueles que máis loitan polo seu benestar e, por outro, o compromiso de reivindicar, transformándoos, os valores máis tradicionais dese mesmo pobo nas figuras, como Castelao, que souberon extraer a súa máis nobre esencia. E mostra tamén outro trazo da personalidade de Isaac, a humildade, que todos os que se acercaban a el agradecían, pero que non acababan de crer. Non era posible que quen dedicara toda unha vida a construír un sentimento galeguista que partía dunha dolorosa experiencia persoal (un pai paseado) e colectiva (varias xeracións perdidas), para elevarse a un entusiasmo minoritario e profético, pero compartido aquí e ao outro lado do Atlántico, carecese dese ego forte e dese espírito indómito necesarios para levar a cabo unha aventura tan arriscada e intempestiva. Non importa. O decisivo no caso de Isaac é que as súas obras (desde Sargadelos ata Edicións do Castro, pasando polo Laboratorio de Formas e o IGI) son tan inmensas e tan innovadoras nunha cultura como a nosa, que as cuestións psicolóxicas pouca importancia teñen. O único, quizais, que podería dicirse nese aspecto (e esa é, cremos nós, a razón da súa inmensa popularidade e da súa capacidade de transcender o espectro político á hora do seu recoñecemento póstumo) é que era un exemplo paradigmático desas personalidades únicas que atravesan como faros a historia do seu país porque están dominadas polo pesimismo da intelixencia e o optimismo da vontade.

Moita xente en Rianxo non sabe que fixo Isaac Díaz Pardo, máis alá dunha figura que hoxe loce ante unha das entradas do auditorio municipal, ou dos libros que lle publicou na súa editorial a moitos rianxeiros, para ser nomeado fillo adoptivo da vila. Pero, se o tivesen a ben, explicaríallo o seu veciño máis famoso, ese que tanto reivindicou Isaac, recordándolles aquel home de Cincuenta homes por dez reás que parecía Don Quixote e prestaba diñeiro ao doce por cento. Isaac, diríalles Castelao, era o home que prestaba diñeiro para ser Don Quixote.

Carlos Cimadevila

Xosé Manuel Lobato

Xosé Ricardo Losada

Homenaxe ás xentes do mar, por F. Escudero (idea de Isaac Díaz Pardo)



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños