Belén Rodríguez Pazo: Mimina en azul cobalto

Mimina en azul cobalto
(autora: Belén Rodríguez Pazo)
E dixo a artista: "Ola, envíovos o seguinte retrato inspirado nunha fotografía familiar de Carmen Arias, Mimina".

Belén Rodríguez Pazo, a autora do mesmo, por veces gusta da forma, dos trazos lineais nesa tendencia que conflúe coa estética oriental. Mais noutras ocasións é a cor a que debuxa, é a superficie fechada a que, por mor da variación da intensidade cromática (tamén dentro dunha mesma gama), xera volumes. E para iso, para conseguilo con certa mestría, hai que coñecer un chisco os xogos da luz, como esta se vai deitando sobre os corpos para crear volumes a partir das cores. 

Velaí logo ese enredo de cor, marabilloso, que procura a faciana de Mimina, a compañeira de Isaac; velaí ese xogo acuarelado en cobalto que descobre unha persoa capital na vida de Díaz Pardo. 

Media ducia de trazos bosquexan en azul os litorais dunha silueta que, coa mancha decidida en tinta, se enche de Atlántico e poesía. Só basta contemplar este retrato de Carmen Arias, realizado por Belén Rodríguez Pazo, para dármonos conta do que se está a tratar.... Cando o cabelo, en luz, resulta escuma sobre o océano, xa todo queda dito.

Beizóns, Belén, e moita Arte!



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños