Álex Vázquez-Palacios con Isaac Díaz Pardo
Chegamos ao estudo de Álex Vázquez-Palacios. As obras penduran das paredes como se fosen fiestras abertas á paisaxe... Todo o mar escorrega por elas, ao igual que a clorofila que exhalan as fragas tinguidas de acuarela, acrílico e óleo. O colorido é impactante, pois enreda cos clarescuros e con pigmentos brillantes que fan do real algo fantástico. Mais na execución da obra existe certa percusión pianística: os pinceis -de diversos grosores- impactan contra o lenzo con musicalidade, de forma rítmica e acompasada.
Isaac Díaz Pardo (autor: Álex Vázquez-Palacios) |
Mais no estudo fincan outrosí retratos monocromos e estampas en cores sanguina, algunhas reproducidas en obras literarias de Francisco Fernández del Riego (que tanto ben fixo polas letras galegas!). E con ese mesmo estilo chega até nós un retrato que Álex elabora para conmemorar a existencia de Isaac Díaz Pardo. A figura é inconfundíbel, transmitindo esa serenidade característica do "señor dos cacharriños" (verdadeiras alfaias para a historia dun pobo que se ergue dende o Atlántico).
Pero o autor é tremendamente (re)coñecido nos círculos de artistas, pois as súas mostras deambularon por Galiza, España, Portugal, Reino Unido, Alemaña... E alén de entregar mar, paisaxe e terra aos ollos do espectador, tamén recende na retina os camelios florecidos.
O retrato, elaborado en 2020, contornea en lápiz acuarelado e sobre papel a silueta de Díaz Pardo. As manchas e os trazos resumen e resaltan nunha lámina de 24 por 32 centímetros toda a vida dun xenio.
Beizóns, mestre! Saúde!
Comentarios
Publicar un comentario