A labra pétrea de José Cao para Isaac Díaz Pardo
José Cao é un traballador da pedra, sen dúbida artista, que baseándose na simboloxía ancestral (espirais, círculos concéntricos...) reescribe a historia pétrea daquelas persoas que cicelan a pedra e erguen catedrais... Digamos que nel reside a tradición dos vellos canteiros, pero tamén se albisca o intese por se formar, a curiosidade e a observación das arquitecturas e pezas escultóricas das nosas igrexas rurais.
Así e todo, non se inhibe á hora de incorporar materiais como o ferro ou o aceiro, ou de deixar liberdade á imaxinación para entrar en conceptos anovadores. Pois... velaí que recolla símbolos do pasado -tantas veces relixiosos ou místicos- e lles asigne unha nova lectura e/ou unha nova plástica.
Para colaborar na homenaxe a Isaac Díaz Pardo entrega dúas pezas, unha roseta labrada en granito, a xeito de antiga metopa ou canzorro románico, presente en infinidade de culturas pero incluso na simboloxía de Sargadelos; e unha espiral de metal que nos conecta a saber con que orixes e con que transcendencia.
Beizóns, José, e moita saúde.
Comentarios
Publicar un comentario