Versos de Ovidio Villar Marcos para Isaac Díaz Pardo


O escultor Maxín Picallo, referíndose á súa nai, sempre comentaba que unha cara sen engurras é coma un país sen historia. Nesa liña avanzan os versos de Ovidio Villar Marcos, recordando en cada engurra de Isaac un tempo vivido, unha experiencia acadada ou un "suco dereito da pel á alma". Eses sucos que tamén ciclan o tempo de Díaz Castro no seu poema Penélope: "Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron. Deus é o mesmo. / Suco vai, suco vén, Xesús María!, / e toda a cousa ha de pagar seu desmo".

Pero a temática do poema de Villar Marcos tamén conflúe, en amicábel sentido, cos versos de Salvador García-Bodaño (Ao pé de cada hora): "Eu son así: / Un home só ao pé de cada hora / como un soño esvaído / nun andén lonxano. / Tal vez un suco no tempo / a se perder en si mesmo / ao través dos teus ollos de nai".

A de Villar Marcos é unha composición que conecta co artista -Isaac- e a memoria, coa dor e o sangue empozados polo franquismo nunha Galiza ferida no 36. O autor, que desenvolve o seu labor docente no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, explícao deste xeito: "O texto procura sobrevoar a esencia de Díaz Pardo a través do seu carácter polifacético (pintor, escultor, editor...), onde cada faceta cultivada vai deixando un suco no seu rostro... O suco máis especial de todos eles é aquel que reflicte o rexurdimento do artista logo dunha dura adolescencia marcada polo golpe militar do 36, no que asasinan ao seu pai".

Beizóns, Ovidio, por gustar da Memoria e compartir comunitaria homenaxe, dende o Alento Esbravexo, para Isaac Díaz Pardo; sen dúbida, un río que "seguirá a mollar as doces terras".


Engurras


   Unha engurra por cada arte,
   un suco dereito da pel á alma...

   Hai unha na fronte,
   que se engalana con letras amigas,
   testemuñas enxebres e miúdas...

   Outra, preto dos beizos,
   desfaise
   no mar
   de bravo azul e branca escuma viva...

   Atravesa unha terceira o queixo,
   deixando ao seu paso
   óleo ardente,
   de mans en alto e amor infinito...

   Mais hai unha diferente,
   alí onde o latexo se pode ouvir...
   A que borra escuras pantasmas do pasado
   e fai agromar vellos talos entre as cinzas da queima!
   Sobre ela vese canto ía e vai no corazón...
   e na mente...
   e no sangue...

   Os despoxos de hoxe serán as canteiras de mañá...
   O río seguirá a mollar as doces terras...

                                                                    Ovidio Villar Marcos

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños