Unha regalía de Abe Rábade para Isaac Díaz Pardo


O de Abe Rábade é pura arte, é saber que a xenialidade está canda nós e que as grandes obras se poden tocar coas mans. Todos os sentidos contan, cómpre estar atento... Todos os recendos da paisaxe musical son necesarios.... Porque o que fai Abe é iso, a obra dun apaixonado pola experimentación musical e de aí -como sabemos- poden resultar obras dignas de aplauso coma esta que hoxe nos entrega, como esta que destina a Isaac Díaz Pardo. A sonoridade das follas secas ou vivas dun castiñeiro, a musicalidade da auga ou do río todo, a dozura da voz que enfía a tradición coa vangarda que nos di "somos de onde vimos pero tamén cara a onde camiñamos" é unha realidade nesta peza mestra de Abe Rabade. 

O autor, que forma parte do equipo docente da Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo - ESMAE (da cidade de Porto) dende 2009 e do Conservatorio Superior de Música de Galicia dende 2019, experimenta coa tradición galega, co flamenco, co jazz, coa música clásica. E disto sacamos obras cunha cor musical fantástica (recende a primavera), sons marabillosos (coma os da auga), texturas rítmicas incríbeis (coma a rugosidade das follas de outono). Todo sabe augamel, polo tanto a vida; todo sabe a terra, velaí o camiño; todo recende a poesía, sen dúbida ao "Maneo do Tempo". As persoas que formamos parte do Alento Esbravexo levantamos das butacas, erguemos o apluso e a ovación, repetimos unha outra vez o nome do mestre (Abe Rábade!) e todo soubo a pouco...

Beizóns, Abe, por esta regalía para os sentidos! 



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!