Unha muiñeira de Carmiña (Álvarez) de Soutomaior para Isaac Díaz Pardo
Carmiña de Soutomaior toca a pandeireta, toca a gaita, canta, recita e repenica...
Carmiña de Soutomaior ama as tradicións de noso, a voz do pobo e o legado dos entregos. Ela representa a esas mulleres que saben pescudar nas entrañas da Terra para rescatar do esquecemento o legado musical dos maiores. É desas mulleres sabias que se acompañan da palabra, que se entregan á amizade e que sempre están cabo das persoas que aman o idioma (íntima de Antía Cal, amiga de Avelino Pousa, irmá de tantas e tantos...) e das que protexen esta patria atlántica que alborexa -en alalás- dende os montes do Courel...
Carmiña Álvarez dise labrega de vocación e irmandiña por Xustiza, boa filosofía vital para se presentar no mundo. Por iso, con todo o agarimo, entrega unha muiñeira a xeito de manda para facer homenaxe a un irmán da terra: Isaac Díaz Pardo. Para el, para lembrar a súa nacenza hai un século, compón a letra desta peza que aquí se escoita. Seguramente na casa da Tumbona hoxe, coas fiestras abertas, bole axiña esta muíñeira.
Beizóns, Carmiña, un aturuxo na túa saúde!!
Mil grazas pola louva.
ResponderEliminar