María Lopo, álen de doutora en literatura francesa, é ensaísta, profesora e investigadora. Ela, con pluma áxil e atinada escrita, vén de nos entregar unhas reflexións sobre aquela xerra que, en 1997, elaborara Sargadelos -con deseño de Luís Seoane- para memorizar a figura de María Casares, actriz galega triunfadora nos escenarios franceses e parella -non tan esporádica- de Albert Camus. Fermoso recordo dende a Memoria do Caolín.
María Lopo homenaxea a Isaac Díaz Pardo, recorda a súa obra, xunto coa de Seoane pero tampouco esquece a memoria necesaria (imprescindíbel) de María Casares, unha muller enorme por desgraza aínda pouco coñecida no seu país de orixe. Quizais é O Tempo das Mareas, de revisarmos a correspondencia dende o exilio... ou de lembrar que O meu nome é María.
Beizóns. María! Velaquí fican as túas palabras para honrar a Isaac pero, asemade, daquela túa homónima que recibira en Francia o Premio Nacional de Teatro. Saúde!
Memoria de caolín. A xerra homenaxe a María Casares
En 1997 Sargadelos creou a xerra homenaxe a María Casares. Rosendo Díaz interpretaba en tres dimensións a “Figuración” que Luís Seoane lle dedicara á actriz galega exiliada en 1974. Anos máis tarde creouse tamén a xerra en miniatura. O folleto explicativo da peza, sen dúbida escrito por Isaac Díaz Pardo, contén as palabras precisas: dignidade e coherencia humana fronte a desmemoria programada e interesada.
A xerra, que foi durante moitos anos símbolo dos premios da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, proxecta no espazo e no tempo a memoria galega da muller soterrada no exilio baixo unha roseira transplantada do seu xardín de La Vergne.
A primeira vez que visitei esta casa, que María Casares mercara nas terras de Alloue, en Charente, porque lle lembraba o Pazo do Río, en Montrove, levei como agasallo a xerriña de cerámica. Véronique Charrier, daquela directora de La Vergne, nun xesto inmediato e profundo, saíu ao xardín e trouxo tres rosas para ela.
As terras da actriz galega exiliada unidas grazas a Isaac Díaz Pardo. Memoria incombustible de caolín.
María Lopo
Comentarios
Publicar un comentario