Dende a Plataforma de Galeras... O sabor de Díaz Pardo
Pois ben necesarias son, abofé, as asociacións culturais, os colectivos sociais, as xuntas veciñais e as plataformas! Eles todos, dende os diversos sectores nos que actúan, son motores que propician os cambios, que inoculan antídotos contra a preguiza, a desidia e deixación de funcións de entes administrativos ou organismos públicos... Canto se lle debe á sociedade consciente que se organiza! Por iso coma un navío coas velas cheas de folgos arriba nos portos composteláns a Plataforma de Galeras. O cargamento que ela trae é do máis prezado: consciencia, conciencia e compromiso: Consciencia porque os seus membros parten de criterios éticos para distinguir o balor, do óleo; conciencia porque non acougan cos brazos cruzados a que o navío mude el só de rumbo; e compromiso porque son persoas de acción e de actuar... sen moitas cabotaxes pero cunha singradura clara.
Velaí que dende o primeiro instante no que erguemos a voz para homenaxear a Isaac Díaz Pardo, o noso Alento Esbravexo disque axudou a encher as velas da Plataforma de Galeras e esta gustou de promover unha inciacitiva saborosa, xeitosa e exitosa: Bares e restaurantes das Hortas, Galeras e a súa contorna uníronse para conmemorar o "centenario do seu veciño Isaac". Segundo o que se indicaba nos cartaces, "entre o 17 e o 22 de agosto a restauración da zona ofertará, entre as súas tapas, unha especial dedicada a Isaac Díaz Pardo". Mil grazas por estes víveres que tanta vida nos deron eses días, mais beizóns igualmente pola peza que hoxe dispensades. Xunto á vaixela de Sargadelos, os pratos de festa e os mouchos da sabedoría -quizais porque antes de ser cerámica gardaron da deusa Atenea- hai unha lenda que reza así: "A personalidade poliédrica de Isaac Díaz Pardo atopou no deseño a súa forma de expresión. Proxectando as formas nas que concretar a materia dos seus soños, converteuse en pioneiro desa nova cultura na que conflúen todas as olladas: a artística, a humanística, a científica, a tecnolóxica...". Arte, humanismo, sabedoría... atributos estes que a Atenea lle son de seu. Quizais Isaac estivo bendecido por ela!! Quen sabe!!
Comentarios
Publicar un comentario