De Emeneira e Gena Borrajo a Isaac Díaz Pardo
Azul Cobalto (obra de Emeneira) |
Alumna Modest Cuixar, Soledad Sevilla e Luís Caruncho... Montse Neira -"Emeneira"- é unha arquitecta entregada tamén á pintura, velaí que se cualifique de "arquitecta e pintora de oficio". A súa arte, baixo o noso punto de vista experimental, non sen iso consolidada, resulta interesante mercé de varios aspectos que teñen que ver coas cores, as densidades, os equilibrios cromáticos e as insinuacións plásticas; pero así mesmo co emprego de "materiais usados en construción para crear texturas e unha dimensión máis aló da superficie plana nun lenzo en branco". Os refugullos -alén conter na súa potencialidade esencias artísticas- poden constituír un outro xeito de crer no planeta se pasa polo reemprego destes materiais, outrora destinados a usos diversos. E que mellor xeito que lle asignar unha nova vida dende a plástica.
Ao chamo do Alento Esbravexo, Emeneira elabora unha obra que titula "Azul Cobalto" e nela homenaxea a Isaac Díaz Pardo e a súa "achega aos movementos artísticos de vangarda". A verdade é que a peza resulta unha verdadeira fermosura para o ollos e o maxín, para deixar deambular a mente por eses litorais de escuma. As dimensións do óleo -sobre algodón e la- son 100 por 120 centímetros.
Gena Borrajo, pola contra, procede duns mares que teñen que ver coa pedagoxía, velaí que fose directora da Eduga: Revista Galega do Ensino e, asemade, correspondente en Galiza da revista Cuaderno de Pedagoxía. Gena -para homenaxear a Isaac- facilita unha análise das obras cerámicas de Sargadelos, ao tempo que as adobía de recordos, sensacións e diálogos co mestre, aquel que dixo ser "un amigo para a vida".
Beizóns, saúde e memoria!! Velaquí as palabras de Gena Borrajo e o óleo de Emeneira.
Azul cobalto
Branco caolín, azul cobalto, marrón dourado, talvez vermello… Son as cores elixidas por Isaac Díaz Pardo para crear o seu universo de vacas e cabalos, galos e pombas, golpes, xabaríns, curuxas e esquíos; para darlle forma a oficios e ritos ancestrais, como o lume da queimada que afasta os malos espíritos; a Galicia máxica do aquelarre, as bruxas e os amuletos e feitizos; a Galicia festiva con bailarinas e gaiteiros e, como non, a Galicia que mira o mar, con caracolas, faros e dornas.
Coa súa capacidade creadora leva ás louzas os elementos máis antigos e abondosos da natureza e da vida, como os símbolos celtas, a chorima ou os relevos trenzados que semellan encaixes de Camariñas.
É o selo Sargadelos, que Isaac recupera en 1968, xunto con Luís Seoane. Nese ano nacía a quinta etapa da fábrica, que mantería o mesmo espírito empresarial e asumía como obxectivo a recuperación económica e cultural do país.
A través da cerámica e dos seus deseños vangardistas, Isaac logra converterse no mellor embaixador de Galicia no mundo, a Galicia sen complexos que tanto amou e da que sacou a mellor imaxe.
Tiven o privilexio de coñecelo persoalmente e desde o primeiro momento quedei engaiolada da persoa: intelixente, talentosa, e á vez tan humilde, xenerosa e agradecida. A última vez que falei con el foi en 2008, no Instituto Galego de Información. Daquela facíalle unha entrevista para Eduga. Revista Galega do Ensino (2008, numero 54)
Estaba pasando un momento difícil ao ser afastado da presidencia das empresas do Castro e Sargadelos, que el mesmo creara. Inspiroume tenrura. Tiven a impresión de que se sentía só.
A pesar de todo non vin nel un home vencido, porque a Díaz Pardo puideron arrebatarlle moitas cousas, pero nunca a dignidade. Recordo as últimas palabras que me brindou: “Aquí ten un amigo para a vida”. Así o sentín, Isaac, e así será sempre para min e para moita xente, porque formas parte da memoria colectiva e Galicia está en débeda contigo. Grazas, amigo.
Gena Borrajo
Comentarios
Publicar un comentario