De Carlos Labraña a Isaac Díaz Pardo
Dentro do mundo do teatro, Carlos Labraña é unha voz que sobresae dende hai tempo. Sobresae pola calidade das súas obras pero tamén pola relación que ten cos escenarios dende a Compañía Furabolos. Son numerosísimas as pezas que ten publicado así como igualmente os recoñecementos que dende a década dos anos oitenta do século pasallo lle foron caendo como choiva de maio: Premio Estornela de Teatro, o Facho de teatro infantil, Manuel María de literatura dramática, mellor obra de teatro da II e IV Galas do Libro Galego (2017 e 2019)... Mais faise ver, asemade, pola súa bonhomía e xenerosidade... Hogano non podemos entender as artes escénicas galegas sen o seu nome, así como tamén dende a crítica, o estudo e a análise tampocou se pode contemplar tal universo sen Francisco Pillado Maior e Manuel Lourenzo.
Labraña escoita o chamo do Alento Esbravexo e por iso colabora na conmemoración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Entrega un escrito de cando o Señor de Sargadelos visitou Cedeira, terra natal do dramaturgo, para celebrar a festa do Samaín. Cabazas de prata e beizóns tamén para ti, Carlos Labraña, brañego do teatro de noso!
De cando Isaac Díaz Pardo foi á Festa do Samaín de Cedeira
Unha das facetas máis salientables da vida de Isaac Díaz Pardo foi o apoio á iniciativa cultural galega. Penso que nesta homenaxe que lle estamos a facer é importante recuperar do esquecemento aqueles xestos, que aínda pequenos, tiveron un gran significado para moitos de nós. Por iso, quero falarvos de cando Isaac nos veu visitar á miña terra, Cedeira.
Co gallo de recuperar a ancestral tradición do tallado de caveiras, a Asociación Cultural Chirlateira organizou en 1989 a primeira Festa do Samaín, que sería o xerme de todas as festas das cabazas en Galicia. Os primeiros anos, coa intención de consolidar a festa, houbo unha intensa actividade cultural arredor desta. Unha daquelas iniciativas foi a creación do premio Cabaza de Prata, que pretendía recoñecer o traballo dun personaxe senlleiro a prol da cultura en Galicia. E como non podía ser doutro modo, na súa primeira edición recaeu en Isaac Díaz Pardo. O premio entregóuselle o sábado día 12 de novembro de 1994 nun encontro, ao que denominabamos Caldeirada Cultural, no que poidemos gozar da conversa co mestre. Na fotografía xunta vemos a un Isaac ledo recollendo o premio de mans de Pilar Rodríguez, presidenta da asociación naquel momento.
Este ano, no Samaín, tallaremos unha cabaza para honrar a Isaac, prenderemos unha candea no interior e poñerémola nun lugar destacado, para que a súa ánima saiba como atopar o camiño de regreso á festa.
Carlos Labraña
Comentarios
Publicar un comentario