Cando Fernando Salgado Varela lle envía unha manda a Isaac Díaz Pardo

Monumento ás /aos fusiladas/os (creación de Isaac Díaz Pardo)
Campo da Rata - A Coruña

Fernando Salgado Varela é xornalista no Diario de Pontevedra e outrora en medios como La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, Diario de Galicia e Atlántico Diario. Mais ao tempo que exerce o seu labor no eido do xornalismo, verte reflexións e ensaios en revistas como A Trabe de Ouro, Tempos Novos e Ardentía..., alén de publicar libros tan espectaculares como El Humo del Diablo.

No Capitán Gosende ten parte do seu fogar pois, como membro que é deste colectivo, gusta de colaborar na recuperación da Memoria Histórica de territorios como o de Cerdedo. Hai quen ousa dicir que de "Capitán Gosende" somos todas e todos, as e os que queremos pasar páxina sen obviar ningún capítulo da memoria, tal e como fixo Isaac Díaz Pardo. Resultado dese activismo, Salgado lanza "ensaios novelados" dignos dunha película de Buñel. Referímonos a aquel que leva por título 1306/36, no que se rescata a biografía do seu avó, o secretario de Cerdedo Pancho Varela

Por iso, dentro do contexto da Memoria, e ao chamo do Alento Esbravexo (que quizais discorreu coma un lóstrego polo interior de Portalén), Fernando ganduxa un texto sobre iso, sobre unha muller que padeceu a barbarie durante e logo de 1936. Persoas, non o esquezamos, como Consuelo Acuña Iglesias, Xosefa Barreiro González, Camilo Díaz Baliño, Xohán Xesús González, Xosé Rico Gaiteiro... e varios milleiros de persoas máis.

Por iso acreditamos que a colaboración de Salgado é ben acaída para facer Xustiza e Memoria. Velaquí a súas palabras: "Outro Lume". Beizóns!!

Deseño de Isaac Díaz Pardo para a erección do monumento ás víctimas do 36
(imaxe sacada do xornal Público)


OUTRO LUME

 “Creo que o enfrontamento, a violencia e a confusión dos primeiros anos do franquismo no foron o peor. O peor sería a sistemática desmemorización e desorientación que se nos impuxo perante catro décadas”.

(Galicia hoy… y el resto del mundo, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, 1965)

O instinto de supervivencia empurrouna cunha forza cega fóra da súa minúscula casoupa de madeira, e cando se atopaba no medio do camiño dou de nefres cun vendedor ambulante de cacharros de barro que percorría o lugar. Entón xirouse como un resorte para internarse de novo no inferno de lapas. Superada a dobre sorpresa que supón verse diante dunha casa ardendo e dunha muller que foxe da morte para volver a ela, aquel home entrou na vivenda para intentar impedir que se consumase a traxedia. 

Estouparon dous foguetes e una bomba de palenque. As campás repenicaron. Era o sinal. Os veciños acudiron axiña con caldeiros á Fonte dos Tornos, que estaba ben preto da casa. Os máis valentes arriscáronse meténdose entre as xigantescas lapas alimentadas pola madeira e a herba que gardaba na barra.

Sacárona moribunda, e perante dez días agonizou na casa dun familiar entre terribles dores, moitas oracións e ningunha medicina. 

Tal suceso aconteceu no Pobo das Cereixas, nun país aterrorizado, vingativo, ignorante e estrugado pola bota militar, rezador a un deus infalible creador de almas eternas e corpos carbonizados que esquecera a unha das súas humildes servas.

Como pode explicarse semellante reacción?

“Porque estaba medio espida, elixiu morrer antes que ter que vivir arrastrando a vergoña que lle gravaran a lume os vencedores”, explica unha veciña octoxenaria que tiña sete anos cando se produciu aquel terrible suceso e aínda hoxe se estremece ao recordalo.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Araceli Guillán, Isaac Díaz Pardo, as ilustracións e os meigallos