UNHA MANDA PARA ISAAC CHEGADA DENDE OS ANTÍPODAS POR EKATERINA VOLKOVA
A Galicia que Isaac leva na cabeza (Autora: Ekaterina Volkova) |
Hoxe presentamos unha peza que nos enviaron dende os antípodas galegas, isto é dende Nova Zelandia. Esta alfaia foi realizada por Ekaterina Volkova, unha investigadora rusa que traballa na Universidade de Auckland e que, de cando en cando, se achega a Compostela para se enchoupar da cultura galega (tanto a nivel histórico como actual). Leva varios anos estudando a plástica galega en concreto e a cultura galega en xeral, facendo pequenas mostras e presentacións monográficas sobre pintura, literatura, cartelismo,... Arestora anda a traballar nun proxecto ao que lle deu en chamar "(Re)imaxinando a galeguidade. A cultura visual e a identidade nacional en Galicia".
A peza que lle dedica a Isaac Díaz Pardo e que incluímos en Unha manda de pezas para Isaac titúlase A Galicia que Isaac leva consigo. Cando lle preguntamos en que se inspirou para facer este cadro, díxonos:
"Para a realización deste traballo, inspireime na imaxe recorrente na obra de Isaac; isto é unha muller cos ollos grandes que leva as cousas sobre a súa cabeza [refírese á rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida]. O telón de fondo é, por suposto, o mapa de Galiza, ao que lle engadín un dos motivos máis coñecidos de Sargadelos, o proxecto de toda a vida de Isaac".
Para a súa realización botou man do papel, da colaxe, do acrílico e montando todo sobre unha táboa de poliuretano de tamaño A1 (841 x 594 mm)
"A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas" pode cargar un prato, a idea de Isaac e a representación de Galicia. Ela, que transporta trebellos, tamén pode levar os soños compartidos.
ResponderEliminarGrazas, Ekaterina, por mostrarnos esta outra perspectiva.