Entregan un fermoso texto, de recoñecemento e lembranza de Isaac Díaz Pardo, varias persoas compoñentes daquel Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega (1975-1983). As e os que integraban esta corrente estaban conciencidas/os da necesidade dun ensino galego que impulsase o dereito de sermos educados e formados na lingua que nos é propia. Ergueron, velaí, a bandeira da palabra para dignificar un idioma relegado, outrora, a ámbitos nada académicos e si máis folclóricos. E incluso foron quen de editar a revista pedagóxica "As Roladas 2", homónima daquela que fundara por Ramón Cabanillas e que levaba por cabeceira unha rolada de pitiños que enredadban por entre as letras. Alén diso, observaba ese movemento a pedagoxía de Freinet e as correntes máis vangardistas no eido educativo. A manda di así:
BO E
XENEROSO
Eran xa mozos os anos 70.
Nós, un grupo de docentes queriamos mellorar o ensino só coas ferramentas da nosa vocación. E xuntámonos daquela, coma tantas veces, para darlle voltas e reinventalo.
El, o benfeitor, abriunos as súas portas de par en par para ofrecernos desinteresado o espazo e o tempo que precisabamos.
Como di Pedro Petouto, “A cultura é aquelo que abre os ollos”. E Isaac, amador do coñecemento, estivo sempre coa mirada regalada para botarlle unha man aos que valoran a cultura como un ben precioso.
|
O Movemento Cooperativo Popular Galego en Cervo con Isaac Díaz Pardo |
Formabamos parte do Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega (MCPG) que, coa axuda do noso entusiasmo, creamos As Roladas 2, a primeira revista pedagóxica galega (en recordo daqueloutra de Cabanillas e Castelao), seguindo a Freinet e Piaget, pedagogos dunha nova escola, que nos mostraron outros camiños para poñer en práctica unha aprendizaxe máis activa e un ensino máis noso.
Foi Isaac, co seu talante de intelectual humanista e creador xenial quen alimentou, coas súas habelencias, a nosa alma, e con xantar e pousada o noso corpo nos días que, reunidos en Cervo, celebramos (así foi, coma unha festa) xuntanzas de traballo benditas pola súa filantrópica acollida.
|
Sempre Isaac
|
Da súa man paseamos, coma agasallo de lecer, pola ribeira do río Cobo, baixo a sombra máxica das árbores senlleiras que refrescaban a nosa andaina. Mesmo nos mostrou orgulloso, na fábrica de Sargadelos, os oficios dos homes e mulleres que alí traballaban: ceramistas, estampadores, ourives, deseñadores... xunto con bolseiros e aprendices que recalaban cada verán nesa illa singular, onde se respiraba no ar a creatividade dos obradoiros.
Esta experiencia, despois de case 50 anos, perdura na nosa memoria coma unha pegada indeleble, que hoxe mudamos en humilde homenaxe.
Isaac sabía de certo que mirar cara adiante cos ollos ben abertos é un bo comenzo para que a nova semente agrome boa colleita.
Lembranzas de Nones Araújo, Dolores Portabales e Xexe.
Repárese que na foto de 1980, de hai corenta anos, aparecen, entre outras e outros, Agustín Fernández Paz e Suso Jares, que infelizmente non se encontran hoxe entre nós. Foron tres felices días de traballo, reunidos alí con Isaac, un fato de mozos e mozas ensinantes con todo por diante. Un terzo, de quen compoñiamos daquela o Movemento Cooerativo de Escola Popular Galega (MCEPG) , que iniciamos contra fins de 1975. Desde nós e con outras e outros ensinantes poñeriamos a andar Nova Escola Galega en 1983. Isaac, coma sempre, todo gratitude. En 'contrapartida' ...a nosa simpatía, sempre máis pequena que a del e oito exemplares da revista As Roladas-2 nun único tomo encadernado.
ResponderEliminar