Manda para Isaac unha manda Tino Baz

Unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego, e máis concretamente da música de autor, é Tino Baz. Nado ao pé do mar, na Guarda, foi membro de grupos como Os Petóns e Os Pelouros... E aínda que Suso Vaamonde deixou unha fonda pegada nel, no seu estilo tamén influíron Mini e Mero, toda A Quenlla e Fuxan os Ventos. Alén de ter sido compoñente d'A Roda, as súas cancións levan letras propias pero tamén de Marica Campo, Bernardino Graña, Manuel María, Celso Emilio... e van sempre acompañadas de instrumentos como a guitarra, a zanfoña, percusión ou gaita. El, Tino Baz, é unha clara ponte de unión entre a modernidade e a tradición, entre a música de autor e os tempos que corren e precisan da terra e da voz do Pobo...

E esa voz, a do Pobo, é interpretada por el para homenaxear a Isaac Díaz Pardo cunha manda a xeito de poema ou de canción. Velaquí fica para a comunidade co obxecto saborear o gusto da terra que se fai obra de arte e recorda a Isaac.

A bolsa


Son a Terra que vos deu
este prezado don,
a bolsa pra vivir...
Sete mares pra cursar,
un azul pra definir
a placenta onde pensar...
A razón de evoluír,
a beleza do porqué,
a espesura do sentir
unha órbita de amor
onde o ciclo natural
madureza no soñar...
Un océano de luz
profundice neste ser
as entrañas da canción...
Harmonía sideral,
vento cósmico sin fin,
Vida viva pra VIVIR...

Pensamento en espiral
filosófico embrión,
o cerebro dunha flor
que na palma dunha man
a alborada descubriu
a verdade de apertar...
Terra son, terra serei...
arrecendo nesta voz
que é posible de entender
na certeza dun mañán
transcendente no saber
poboado no crear...

Testemuño nunha lei
un planeta sen rencor,
sen maltrato, sen odiar...
Harmonía sideral
vento cósmico sen fin
onde o débil vencerá...
                                        Tino Baz

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños