De Domingo Tabuyo a Isaac Díaz Pardo
Velaquí a súa manda: un neno labrego, chámese Balbino, que Isaac debuxara para a edición daquelas memorias de Xosé Neira Vilas. Pero Tabuyo entrégaa no envoltorio do elixir máis prezado da Arousa, na embalaxe do viño... Fixádevos que fermosura! Estes son os seus comentarios ao respecto:
"Grazas por terme invitado a participar en tan fermosa e necesaria homenaxe a Isaac.
Unha figura que merece máis luz e máis espazo do que hoxe, tristemente, ten.
Elixín a imaxe da ilustración de Memorias dun neno labrego, do gran Neira Vilas. Tentei debuxalo coa maior fidelidade posible ao orixinal. En todo caso, cun cariño infinito e unha admiración total.
Dalgún xeito, todos somos Balbino, ou herdeiros dese espírito dos rapaces que observan o mundo con admiración, abraio e esperanza sempre".
No reverso da embalaxe lese o seguinte:"Isaac de Memoria e pedra
de fondas voces de terra,
tradicións e sentimento
paixóns, corazón e ventos,
soños mareiros e formas
dos antergos alfareiro.
Isaac de ceos e estrelas
reivindicacións e soños,
de xenerosa influenza
semente, praia, froiteira
horizonte amplo, raiceira
verso da Patria Galega".
Domingo Tabuyo
Porque "todos somos Balbino, ou herdeiros dese espírito dos rapaces que observan o mundo con admiración, abraio e esperanza sempre", que é o que cremos adiviñar nesa mirada.
ResponderEliminarAsí o quero ver eu tamén, Domingo, con admiración, abraio e esperanza, nunca con horror.
A esperanza dánola saber que hai tantos, coma ti, dispostos a traballar a favor de Isaac.
Grazas mil!