XOÁN XOSÉ FDZ. ABELLA ENTREGA MANDA A ISAAC

E no día de hoxe queremos trasladarvos a manda que con tanto agarimo entregou un dos nosos mellores poetas nacionais: Xoán Xosé Fernández Abella. Coñecidas son as súas rimas -sonetos, romances e outras estrofas- que sempre axilizan as emocións cando son recitadas por este vate. E fixádevos que ben soa o seu ritmo, que ben recenden os versos ateigados de terra, gratitude e compromiso tamén coas persoas grandes desta terra, entre elas Isaac.

Este é o introito seguido da composición:

"LOANZA SENTIDA A ISAAC


Da miña "Homenaxe a Isaac Díaz Pardo" (Intento de aproximación poética á súa biografía en 8 partes), recollida no meu libro Loanzas sentidas e outros poemas, recollo, por brevidade, a parte oitava titulada "Remate", na que me aproximo un chisco á persoa humilde, xigantesca e única do meu admirado Isaac Díaz Pardo.

Velaí o "Remate":

Fuches, sen selo, emigrante
e exiliado voluntario,
puro exemplo solidario
do teu único talante.

Santiagués universal
e galego extraordinario,
un exemplar empresario
coma non hai outro igual.
Un pintor excepcional,
debuxante, ceramista,
ilustrador, xornalista.
Dramaturgo orixinal.
Un poeta ocasional
e de cegos, cartelista.
Un altruísta editor.
Terra e teus, o teu amor.
Un xenio renacentista!

Os Tilos, 30/Abril/2.015
Xoán Xosé Fernández Abella 
da "Academia Real Isaac Díaz Pardo"

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños