UNHA MANDA DE MAKA ARCA E ANA MARÍA MOSQUERA CHEA DE LUZ E COMPROMISO PARA ISAAC

Cartaz da exposición Luz e Compromiso
- IES número 1 de Ordes - maio-xuño 2012
(deseño: Martiño Picallo)
A peza que vos presentamos hoxe procede de dúas profesionais do ensino público, Maka Arca e Ana María Mosquera, que aló polo 2012 lles deu por reivindicar a figura de Isaac Díaz Pardo entre o alumnado do IES núm.1 de Ordes (A Coruña) mediante unha mostra que abranguía diversos ámbitos da vida e da profesión. Esta mostra foi rotulada co nome “Isaac Díaz Pardo. Luz e Compromiso” e tivo tal aceptación que mesmo estivo noutros centros de ensino do país como o IES de Brión, CEIP de Touro, o IES Lamas de Abade en Compostela (todos eles na provincia da Coruña) ou o CEIP Aurelio Rey García de Cuntis (na de Pontevedra) ou na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela.

Aínda é hoxe o día que está dispoñíbel para todos aqueles que o precisen. Esta é a alfaia que nos mandan Maka e Ana, recoñecidas defensoras de figuras egrexias coma a de Isaac Díaz Pardo así como do idioma e cultura do noso país. Este é a participación que nos envían que, sen dúbida, vaivos encantar.

HOMENAXE A ISAAC DÍAZ PARDO

Cando o 5 de xaneiro do ano 2012 os medios de comunicación anunciaban o pasamento de Isaac Díaz Pardo, unha idea comezou a nos rebulir na cabeza: organizar unha homenaxe na súa lembranza para axudar a espallar entre o alumnado a vida e obra desta figura irrepetíbel da cultura galega.

Coidamos que, como educadoras, temos a obriga de dar a coñecer ás nosas alumnas e alumnos non só os homes e mulleres que figuran nos libros de historia senón tamén aqueles que, coma Isaac, protagonizaron a historia e dedicaron a vida enteira á defensa da nosa Terra.

Un dos paneis da exposición

A exposición, que leva por título Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso exhibiuse, durante os meses de maio e xuño de 2012, no IES nº1 de Ordes (A Coruña).

Ao longo de 41 paneis de 80x60 cm preséntase un percorrido por toda a vida e a obra deste “home infinito”, “o home máis querido de Galicia”, en palabras de Manolo Rivas.


A exposición distribúese nas seguintes seccións:

Infancia e adolescencia.

A traxedia da Guerra Civil.

O paraíso perdido.

A Coruña – Madrid.

Estudos de Belas Artes.

Isaac pintor.

Os alicerces da cerámica industrial.

O Castro de Samoedo.

A experiencia arxentina.

Fundación da fábrica de Porcelanas da Magdalena.

O reencontro cos exiliados.

A creación do Laboratorio de Formas de Galicia.

A utopía faise realidade.

Retorno definitivo á Terra.

Sargadelos.

Un inxusto epílogo.

Isaac nos ollos da xente.


O noso propósito non era outro que amosar ao alumnado que a obra de Isaac lles ía axudar a valorar máis o noso e a sentir o orgullo de seren galegos.

A mostra expúxose en diferentes centros educativos e chegou a exhibirse tamén na facultade de Ciencias da Educación da USC.

Co gallo da celebración do centenario do nacemento de Isaac, o próximo 22 de agosto, as organizadoras da exposición, Maka Arca e Ana María Mosquera -exprofesoras do IES nº1 de Ordes-, poñen a disposición dos diferentes centros educativos, bibliotecas, centros socioculturais etc. a mostra Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso, que se garda no IES nº1 de Ordes, co fin de que poida ser exhibida en distintos lugares.

Agradecementos

Queremos deixar constancia do noso agradecemento a catro persoas pola súa inestimábel colaboración neste proxecto:

Xosé Ramón Fandiño. O seu libro Isaac Díaz Pardo. A patria enteira na memoria, publicado por IrIndo Edicións (2008), serviunos como referencia imprescindíbel para configurarmos a exposición.

Martiño Picallo. Deseñador do cartel e nos proporcionou moito material gráfico e bibliográfico.

Héitor Picallo. Testemuña de excepción no momento en que Isaac Díaz Pardo era despoxado do IGI. As súas fotografías tomadas neses dramáticos momentos constitúen, sen dúbida, un documento de infindo valor.

Pedro Ávila, quen dixitalizou a orla de espirais -unha das máis representativas da cerámica de Sargadelos- para colocar sobre as cartolinas de cor azul cobalto que conformaban cada panel.

Contacto

Aquelas persoas ou entidades interesadas na exposición deberán poñerse en contacto con Maka Arca, a través do correo electrónico: violeta2000es@yahoo.es







Comentarios

  1. Marabilloso traballo. Rigoroso, pedagóxico e cheo de sensibilidade. Parabéns

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños