UN POEMA DE SALVADOR GARCÍA-BODAÑO PARA ISAAC

Castelao
(Sargadelos)
Con verso áxil Salvador García-Bodaño recorda a biografía de Isaac Díaz Pardo, dende o seu nacemento na cidade de Compostela, na casa da Tumbona, até a súa etapa creativa. O autor, membro da Real Academia Galega e prolífico escritor na nosa lingua propia, trae na súa escrita aqueles crueles episodios do levantamento militar que lle arrebatarían a vida a Camilo Díaz Baliño, así como a milleiros de persoas (tantas aínda sen recuperar os corpos polos seus familiares, tantas desaparecidas, tantas...). 

E delata aos asasinos da falanxe, e recorda a historia, e fai fincapé en varias das grandes virtudes que gozou Isaac: ser difusor e defensor da cultura e idioma de Galiza, restaudor da patria asoballada e axente activo na resistencia a prol da creatividade.

Aquí queda o poema-agasallo, fermoso e valente.


ACORDANZA

 

                                           Palabras na memoria para Isaac Díaz Pardo.

 



Dende o fondo do misterio a Cidade xurdía
por entre rúas e prazas
para abrir un camiño no pasar dos días
que agardaba a túa presenza
dende as orixes secretas do non ser.

Ti nacerías na casa da Tumbona
e ficarías orfo aos dezaseis anos,
por asasinar os falanxistas ao teu pai,
cando xa se ía destruír a nosa historia
entre as crueldades da traxedia.

O sentir das artes iríate levando polo mundo
ata ser un talento da creación e máis da empresa,
así como un difusor firme
e un rexo defensor
da nosa lingua e da nosa cultura.

Lembrarémoste sempre no noso sentimento,
coa túa xenerosidade desbordando,
construtor de soños debuxados
e exemplo de resistencia na creatividade
para restaurar a nosa patria asoballada.

 

                                        SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños