PILAR SAMPEDRO ESTENDE UNHA MANDA PARA ISAAC

Alén de formar parte de Alento Esbravexo e do colectivo Na Varanda, é autora de numerosos materiais didácticos, experta en literatura infantil, bibliotecas escolares e agasalla ao homenaxeado -e igualmente a todas e todos nós- con este fabuloso texto, sen dúbida poético, sen dúbida sentido e tinguido de valentía, e evidentemente que toca a febra do amor. Amais diso, fíxadevos con que composición tan fermosa ilustra as súas palabras!!!
"Se tivera que escoller unha icona
lembraría a moeda de pago á xente da cultura
o agasallo de voda
o detalle para que te lembres do país
o azul cobalto
que tivemos en cada casa:
a vaixela na cociña, os xogos de café, a figura do estante,
os santos da Alba de Gloria, as caretas para a xente do teatro, as xoias de
Mimina, as figas contra o mal de ollo, xerras coma cabezas, animais de toda
especie e condición, mulleres co mundo na cabeza...
Aí estaba a Historia de Galicia en imaxes.
Seoane, o artista que para ser grande... só tería que ter
nacido noutro lugar.
Díaz Pardo, o que quixo facer arte útil e levalo a todos os
fogares; a nosa Bauhaus.
Dous homes, un universo. Unha empresa cultural. A iniciativa
para facer propio o país.
Derrubouse o monte
Caemos na lama
Esborrallouse o edificio
Sucumbimos á miseria
Desprendeuse o ceo
E ficamos sendo un pouco máis nada
Precipitáronse as estrelas
Desapareceu a dignidade
Coma fantasmas vagamos cos valores investidos nunha bolsa de
mesquindade.
A desventura e o fracaso que el veu cando estudou a historia
do Marqués de Sargadelos, creador da Real Fábrica,
un erudito ilustrado,
linchado, coa turba asaltando a saqueando o seu.
Aínda así
recuperou a fábrica de louza
en Sargadelos,
a da triste memoria.
A Sibila falara
el sabía do fracaso dende os sombríos días do 36
cando lle asasinaran a aquel que lle plantou a estrela na
fronte
e el tivera que fuxir con 16 anos
para non seguir o mesmo destino
que... só se demorou
porque tería que ser traizoado,
estaba marcado polo sino.
Nós contigo, Isaac,
agarrándonos á derrota
porque tamén cremos na posibilidade de construír o futuro.
Pilar Sampedro
Fermoso e emotivo texto.
ResponderEliminarParabens