MERCEDES ROZAS ENTREGA O SEU RECORDO A ISAAC

Óleo de Isaac Díaz Pardo
Mercedes Rozas Caeiro gustou de escribir no 2012, dende as páxinas de La Voz de Galicia, unhas palabras para louvar a memoria de Isaac Díaz Pardo, por esas datas falecido.

Esta historiadora, comisaria de exposicións e crítica da arte, é membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e conta con multitude de publicacións que avalan a súa traxectoria. 

Aquí se entregan, de forma extractada, uns parágrafos daquel artigo que seguramente vos vai emocionar tanto coma a nós.

"O valor do compromiso na obra de Isaac Díaz Pardo

Son moitas as creacións de Díaz Pardo nas que desafía ao poder co compromiso, construindo con personalidade propia e en clave contemporánea a idea do inmediato, representando escenarios próximos dun país que el entende dende a defensa da identidade e a recuperación da memoria. O traballo dos homes do mar e do campo, as reivindicacións do pobo erguido e alporizado ou a forza do berro das cancións trovadas por o cego Zago -probablemente o seu alter ego-, simbolizan a epopeia dun imaxinario colectivo que acaba de saír dunha dramática guerra civil, desmembrado entre o exilio interior e o exterior e aplacado polo grillete da ditadura.
Nos inicios dos setenta, entregado dende facía tempo xunto a Luis Seoane á empresa do Laboratorio de Formas, Isaac Díaz Pardo desiste da pintura cara ao público, pero segue traballando na privacidade do seu obradoiro. Con esta renuncia o artista libérase de débitos cargantes, pero, así e todo, non cede nin por intimidación ante a obra de Seoane nin tampouco por consideración á dos clásicos. Deixa a pintura por ética, implicado nunha loita persoal contra a futilidade do mercantilismo, que el extende a todas as súas actividades. Coa súa agarimosa retranca, Isaac admitía que se apartara, simplemente, "porque lle dera a gana". Na súa modestia, en el semellaba que nada era importante.

Mercedes Rozas
(Parágrafos extraídos dun artigo en La Voz de Galicia. Xaneiro de 2012)".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños