DE YOSHIMURA EYE PARA ISAAC

foto: Yoshimura Eye
Este domingo queremos entregarvos dúas fermosísimas, aínda que dolorosas, fotografías dun gran e comprometido artista: Yoshimura Eye. Coñecemos o seu traballo co obxectivo a partir das redes sociais (facebook e instagram) e, concretamente, para dar a coñecer o labor que teñen realizado outras persoas dentro do eido da plástica (por exemplo Francisco Remiseiro e Nito da Vila), e dentro tamén do mundo da música (con Xosé Antón Bocixa, Susana Seivane e Dios ke te Crew, entre outros moitos).

Sen dúbida o traballo de Yoshu resulta impactante, como impactante son as imaxes que aquí nos trae para conmemorar o nacemento dun dos maiores mestres das artes plásticas do século XX: Isaac Díaz Pardo.

A dor intrínseca que transmiten as fotografías, vinculada ao coñecemento previo, agroma por mor do peche da Galería Sargadelos en Compostela, todo un símbolo na zona monumental. Ese sentimento, sen dúbida, acentúase por mor de teren sido captadas en branco en negro, coma unha foto do pasado que xa foi e dunha realidade que fere nas entrañas. O dramatismo está presente. 

Fican as reixas e as pedras espidas, o nome da Galería, os símbolos propios da empresa cerámica debuxados no cristal, un horario de atención ao público que quizais xa non se volva cumprir e as baldas baleiras de figuras, de obxectos fermosos, de libros, de historia, de identidade... dende a memoria.

foto: Yoshimura Eye






Comentarios

  1. O Sargadelos de hoxe é un cenotafio onde se escoita o eco da súa semente, aínda por brotar.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños