DE AMANCIO LIÑARES A DÍAZ PARDO

Isaac Díaz Pardo abandona o IGI
(foto: Héitor Picallo)
Profesor en Xeografía e Historia Amancio Liñares fainos chegar un artigo publicado outrora en La Voz de Galicia no que recorda a figura de Isaac Díaz Pardo e, así mesmo, o IGI (Instituto Galego da Información). Deixa caer, incluso, que a alma mater de Sargadelos poida ter nun futuro un Día das Letras Galegas; mais no que fai fincapé é na "expulsión" que sofre Díaz Pardo do IGI. Logo de contemplar unha fotografía lanzada na prensa deses días (da autoría de Héitor Picallo coa colaboración de Silvia Arca Somoza), Amancio Liñares lanza arduas críticas que teñen que ver, sobre todo, cos conceptos de "dignidade" e "humanidade".

O texto, titulado "Con Isaac, sempre", di así:


"Con Isaac, sempre

A foto encheume de indignación, de carraxe. Dá arrepío vela. Un non pode quedar indiferente ollando ó ilustre, bo e xeneroso Isaac Díaz Pardo recollendo os seus efectos do edificio do Instituto Galego da Información (IGI), baleirando o proxecto e realidade que con tanta ilusión, compromiso e entrega erguera en San Marcos, a carón de Compostela. Pois non é esta boa maneira de comezar o ano novo para quen cremos e traballamos pola nosa cultura, procurando un mellor porvir para Galicia e para o mundo. 

O bo de Isaac, o artista, o intelectual e empresario galeguista, o editor, alma mater do complexo Sargadelos, o sempre valedor do benemérito Seminario de Estudos Galegos... véndose na obriga de facer mudanza no IGI, poucos días despois de sufrir unha intervención cirúrxica. Xera un sentimento de frustración e xenreira, porque a imaxe garda e denuncia significados ben fondos.

Neste noso país en temas de memoria histórica e de proxeccións de futuro danse certas anomalías e desatinos, reflectindo esperpentos. Seguramente cando xa nos falte haberá homenaxes misceláneas para Isaac. Dedicaránselle rúas ou estatuas. E quizais un 17 de maio. Pero agora deixamos que padeza estes desgustos e humillacións. Semella que pouco serviron as iniciativas solidarias con el e co que Isaac representa. Non vou entrar na fraga xurídica ou económica do asunto Sargadelos. Fáltanme datos para facelo. O que me importa agora é só a reflexión desta imaxe noxenta, que parece querer levar a biografía de Díaz Pardo a pechar un círculo desacougante dabondo. E é ben certo que el non é merecente desa aldraxe. Porque sabemos, como cantaba Novoneyra, que Galicia e o ser humano poden -e deben- ser outra cousa".

(La Voz de Galicia - 10-1-2010)

Gusta tamén de traer unha manchea de imaxes. As cales aquí tamén se reproducen.

Dedicatoria manuscrita de 
Isaac Díaz Pardo
30 de marzo de 1988

Logotipo da Fundación Castelao,
deseñado por Isaac

Un manuscrito de Isaac

Na casa de Avelino Pousa Antelo (Os Verxeis - Teo), abril de 1993.
De esquerda a dereita: Xosé Manuel López Gómez (Ardeiro),
Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas, X. Amancio Liñares Giraut,
Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo.
(Foto: Dolores García Moldes)

Invitación para a presentación do libro Xulián Magariños Negreira,
Un home da
Época Nós (1904-1934), Ediciós do Castro, Sada, 1988.
Isaac Díaz Pardo foi un dos que interviñeron neste acto.
Negreira, decembro de 1988

Presentación do meu libro Negreira na Guerra do 36, Ediciós do Castro,
Sada,1993. Na foto, de esquerda a dereita: X. Amancio Liñares Giraut,
 Susana Luaña Louzao, José Manuel López Tuñas, Isaura Varela González
e Isaac Díaz Pardo

Isaac foi un dos relatores nas Xornadas Xulián Magariños.
Negreira, 16 e 17 de setembro, 2004




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños