A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS E A SÚA MANDA A ISAAC

Nesta iniciativa d'Unha manda de pezas para Isaac tamén participa a Asociación Galega de Editoras. Achéganos un texto onde podemos (re)descubrir a faceta de Isaac como editor.

ISAAC EDITOR

O 16 de decembro de 2006, durante a segunda Noite da Edición da Asociación Galega de Editoras, celebrada no Liceo Casino de Pontevedra, o noso gremio nomeaba a Isaac Díaz Pardo Presidente de Honra desta Asociación. (Naquel acto tamén se recoñecía a Sabino Torres cun Premio á Edición Histórica).

Dende ese 2006 Isaac pasaba a ser o primeiro, e único ata hoxe, presidente de Honra da Asociación Galega de Editoras, o colectivo que, creado en 1982, integra hoxe corenta selos editoriais e o 90% da produción editorial do país.

A dimensión como editor de Isaac Díaz Pardo é fundamental para entender a reconstrución cultural que viviría Galicia, directamente dende a Transición, pero xa moitos anos antes, en plena ditadura, dende comezos dos anos sesenta.

Por una banda, el representa, na súa propia figura e na de seu pai Camilo Díaz Baliño, esa conexión directa coa xeración republicana dos anos trinta, onde xurdira o primeiro proxecto editorial moderno do país, Edicións Lar de Leandro Carré a Ánxel Casal, logo rebautizada como Editorial Nós, xa en Compostela e con Casal á fronte.

Moito tempo e sufrimentos despois, á altura de 1963, Díaz Pardo poñía en marcha Ediciós do Castro, ao abeiro do complexo industrial e cultural de Sargadelos, un selo fundamental para entender a nosa memoria histórica, a guerra civil, o exilio e a emigración. Unha empresa cultural que foi tamén quen de publicar a novela en galego máis lida e traducida do século XX, as inesquecibles
Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

A figura como editor de Isaac Díaz Pardo representa pois o mellor deste oficio: unha persoa e un proxecto cultural honestos, firme nas súas conviccións, aberto, que foi dando á luz algúns dos mellores e máis valentes testemuños vitais da nosa historia recente e con eles contribuíu decididamente a crear unha sociedade máis capacitada, máis libre e con esa teima firme de loita por un futuro mellor.

Por todo isto, Isaac Díaz Pardo é todo un referente para as persoas que integramos a Asociación Galega de Editoras e en concreto para esta Xunta Directiva. No centenario do seu nacemento, e oito anos despois do seu pasamento, Isaac segue a ser o único e sempre lembrado Presidente de Honra deste colectivo.

Xunta Directiva

Asociación Galega de Editoras

Agosto de 2020


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños