UNHA MANDA DE CARLOS L. BERNÁRDEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

O crítico da arte Carlos López Bernárdez achéganos, como homenaxe a Isaac Díaz Pardo, o seguinte artigo que publicou outrora no Faro de Vigo. Velaquí as súas reflexións.

ISAAC DÍAZ PARDO PINTOR NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

            
A Parella (1966)
Obra de Isaac Díaz Pardo
Neste ano 2020 cúmprense cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920- A Coruña, 2012) personalidade central no mundo cultural da Galicia do século XX que goza dunha ampla consideración artística e social e de unanimidade en torno á importancia do seu labor a prol da cultura galega, situado como figura sobranceira da vida económica, social e creativa do noso país.
 Como artista plástico, a súa formación, realizada na Academia de Belas Artes de San Fernando, está –como non podía ser doutro xeito- moi condicionada pola dura posguerra nun  período en que o espazo cultural galego no propio país ficaba reducido á mínima expresión e non garantía practicamente ningunha proxección para os artistas. É un tempo en que os creadores terán grandes dificultades para recuperaren as angueiras e propostas da preguerra, un mundo violentamente separado da produción cultural do exterior e en que a represión contra toda disidencia, tamén na orientación cultural, silencia abondosos ámbitos de creación.
Neste contexto, Isaac Díaz Pardo realiza inicialmente unha obra moi mediatizada polo ambiente social e cultural do momento, dentro duns postulados que se moven en parámetros dun clasicismo académico, moi influída polos mestres italianos do Renacemento, por Velázquez e o Greco, mais non exenta de personalidade e creatividade.
Porén, a insatisfacción, a inquedanza do creador, agudízase cando a finais dos corenta pode coñecer a obra dos grandes artistas galegos que están no exterior ou fican silenciados nun exilio interior, como é ocaso de Carlos Maside, e cando percibe con lucidez que o escenario artístico español é ben mediocre e que nel domina un reseso costumismo ou un academicismo reaccionario carentes de todo folgo creativo. Para un artista novo –como era Díaz Pardo nesta altura-, que quere escapar deste mundo asfixiante, a saída é o contacto coa tradición da modernidade galega que representan creadores no exilio como Luís Seoane, o que o levará a comezar unha nova etapa vital e creativa presidida pola vontade de reconstrución do tecido cultural galego, con Sargadelos como proxecto nuclear e co deseño gráfico como ferramenta indispensábel, sen que iso supoña a renuncia total á súa dimensión pictórica que terá as súas mellores realizacións nas décadas dos cincuenta e sesenta, xa en sintonía coa a arte do Movemento Renovador da Arte Galega, en proximidade vital e estética a Luís Seoane e cunha linguaxe influída pola sintetismo propio do deseño gráfico, que está entre o mellor da pintura galega da súa xeración.
Esa nova linguaxe percíbese en varios nus femininos titulados Estudos (1955) ou nas diferentes versións de Estudos e variaciós encol do tema da perexa (1966), neles plásmase a proximidade á linguaxe sintética do deseño e que como tamén fai Luís Seoane –con quen ten unha enorme proximidade conceptual- acaba por singularizar o seu estilo utilizando na súa obra cores planas, simplificadas en que o expresivo resalta desde a construción de liñas marcadas que circunscriben os personaxes. A influencia do deseño industrial, que nesta altura é xa a súa principal actividade, é evidente nestas obras, coas siluetas moi enfatizadas, o uso de tintas planas e a elaboración das figuras humanas partindo de trazos moi sumarios, que lembran os deseños industriais. Nesta preferencia polo deseño gráfico hai non soamente unha postura estética –que tamén- senón unha declaración de compromiso ético, unha postura ideolóxica, que é produto da análise que o artista realiza, reflexionando sobre o sentido da arte na sociedade moderna.

NO RONSEL DO MOVEMENTO RENOVADOR


Xentes que ollan (1960)
Obra de Isaac Díaz Pardo
A marca que deixa en Díaz Pardo o movemento renovador d'Os Novos é moi evidente, en cadros como a Barca de Caronte (1955) ou Xentes que ollan (1960), presenta figuras e rostros que remiten á “estética do granito”, símbolos, case esculturas, que nos fitan estaticamente; o desacougo das faces cómpre poñelo en relación cunha intensa inquedanza social, sempre presente no autor. Nestas obras Díaz Pardo lígase a un certo esquematismo alleo ao clásico e expresivo -na liña de Maside, Souto ou Colmeiro- que contrasta fortemente coas obras da súa primeira etapa clasicista e académica. Entre as obras máis notábeis, cómpre salientar tamén A nave espacial (1964), que segue os mesmos postulados formais, cunha forte carga ideolóxica, non esquezamos que a temática social vai estar moi presente en todas as actividades creativas do artista e nas súas reflexións, nelas Galicia e o seu progreso e identidade serán sempre preocupacións constantes.
Estreitamente ligada ao artístico, a actividade renacentista de Isaac Díaz Pardo, ten outras múltiples facetas, entre elas o seu labor como recuperador da memoria artística, industrial, política e intelectual do noso país e como dinamizador dos grandes proxectos culturais e empresariais que tiveron unha vizosa plasmación no Laboratorio de Formas de Galicia, nas cerámicas do Castro e Sargadelos, en Ediciós do Castro e no Museo Carlos Maside. Todo un legado que debe ser obxecto de análise en creativo diálogo co noso presente.

Carlos L. Bernárdez

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!