QUEN SOMOS ALENTO ESBRAVEXO E QUE BUSCAMOS
O MOTIVO
Isaac Díaz Pardo (ilustración dixital de Martiño Picallo) |
Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas ou cun dos libros de Ediciós do Catro? Quen non gozou dalgunha das súas tendas, galerías de arte, casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fabrica de Cervo ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside?
QUEN SOMOS
Alento esbravexo. Somos un grupo de persoas que non queremos deixar pasar esta data sen ofrecer a nosa contribución e a de todas aquelas dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración. Somos sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario. Convocámonos ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte, artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de fortalecer e recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñemos en marcha esta tarefa colectiva tan necesaria.
COMO PARTICIPAR
Sen financiamento, sen promesas de exposición nin publicación, sen nada fóra do traballo xeneroso que –unha vez máis se nos pide– saímos ao camiño procurando esa flor que pode chegar en calquera modalidade de expresión (obra plástica dixital ou dixitalizada, palabras nun escrito, peza artesanal, traballo sobre unha obra del...) porque todo é válido se o facemos pensando no polifacético Isaac e a súa contribución á Cultura.
QUE FACER
Isaac Díaz Pardo (galipedia) |
Cadaquén pódese inspirar en algo relacionado con Isaac (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, etc.). Tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados e crear un debuxo, unha pintura, un tipo de letra, un deseño, grafiti, xoia, danza, música, etc. con total liberdade.
DATA DE ENTREGA
Establecemos como data límite de entrega o 13 de agosto de 2020. Con todo o material recibido tentaremos facer algo (virtual ou non, dependendo de se esta situación vírica mellora): un libro, unha exposición... Todas as achegas artístico-literarias serán floriñas arriquecedoras, arrecendentes de xenerosidade para Isaac. Cultura e liberdade son de obrigada necesidade.
+ INFORMACIÓN
Se precisas máis información e se queres participar, mándanos un correo a:
Comentarios
Publicar un comentario