Almorzo entre diamantes, Marisa Álvarez Garea e Isaac

Sargadelos nos tempos de Covid (manda de Marisa Álvarez Garea)

Marisa Álvarez Garea tráenos dúas imaxes que teñen que ver co que significa para ela Sargadelos, dende a tradición, dende a figura de Isaac Díaz Pardo, dende o recordo das vodas dos seus proxenitores. 

Almorzo entre diamantes
(foto de Marisa Álvarez Garea)
Ela gusta de lucir con fachenda estas pezas combinadas coa súa propia vestimenta, porque para aínda que a cerámica de Isaac sexa algo de valor, algo que nos identifica, tamén pretende que o seu uso sexa contián.

A autora, comparando a obra de Isaac co brillo dos xoias, titula a súa manda Almorzo entre diamantes pois, segundo sinala: "Non resulta doado seleccionar pezas nas que o grande mestre Isaac deixou a súa pegada posto que forman parte da miña vida. Raro é o día no que non ollo ou utilizo algunha. Elixo este xogo de té do Castro, un verdadeiro diamante que ademais ten un significado moi especial para min, pois tiven a sorte de ser eu quen conservase esta marabilla, agasallo do casamento da miña nai e o meu pai hai xa 57 anos. Non pode ser máis fermoso!".

Oxalá a obra imperecedoira de Isaac siga a ter tanto creto coma a de Truman Capote (autor da novela Breakfast at Tiffany's), tan bo rumbo coma aquel acordado por Blake Edwards (director do filme homónimo) e tanto protagonismo e gusto coma o de Audrey Hepburn (actriz principal da laureada película). Ora ben, sen renunciar ás esencias, á raiceira e ás intencións que un día deron vida Isaac, Seoane e outras persoas dende o galeguismo e o amor a este país.

Para rotular as fotos que envía, Marisa considerou que era axeitado facelo deste xeito: "Sargadelos nos tempos de Covid". E advirte:

"Non quixen deixar de posar con algunha peza e aínda que non estou á altura do deseño desa xerriña, facíame moita ilusión vestirme combinada co clásico e elegante branco e azul".

Sargadelos en tempos de Covid (peza fotográfica de Marisa Álvarez Garea)

Beizóns e á túa saúde... Á saúde de todas e todos! Que as xoias de Isaac sigan a brillan no noso interior!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños