UNHA MANDA PARA ISAAC DA AELG

O presidente da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) Cesáreo Sánchez, achéganos esta alfaia que serviu de introdución a un recital de poemas que se fixo no Museo do Pobo Galego en Compostela. Ese acto deuse en chamar Homenaxe da AELG a Isaac Díaz Pardo e celebrouse alá por finais de 2011, case un mes xusto antes do seu pasamento.

***

Querida familia de Isaac!

Queridos Camilo e Xosé!

Querida Mimina!

Querido Isaac!

Vimos as escritoras e os escritores galegos  a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.
Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.  

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos mais novos, sempre foi o noso fogar.  
Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro.

Castelao por Carlos Maside
(Fundación Castelao)
E nos fixeches participe da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito de sementar  de novo os eidos ermos de silencio. E acompañámoste no teu trabalo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital  iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entrana errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos; foches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendiamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.
Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e sorprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa, que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.


Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños.

Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, coma pobo que ven atravesando os séculos coma inmorrente río de luz.


Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega
***
Santiago de Compostela  6 de decembro de 2011
Museo do Pobo Galego




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños