Xoán Babarro e a estrela de Isaac


Das terras de Maceda évos Xoán Babarro, un escritor e lingüista de desbordante imaxinación que ten publicado ducias e ducias de obras literarias destinadas ao público infantil e xuvenil. Asemade, combina este compromiso co mundo do ensaio, onde verte fundamentalmente as súas investigacións lingüísticas. 

Os seus recoñecementos para nada son reducidos, pois a calidade dos textos, a sensibilidade coa que trata os temas, as imaxes que xera a súa narrativa faino merecente de tales méritos e da admiración de moitas e moitos de nós.

A sensibilidade percíbese, por exemplo, neste relato que entrega ao Alento Esbravexo para que llo fagamos chegar a Isaac Díaz Pardo, unha estreliña que esmuxica no firmamento polas noites e que non foi creada con po cósmico, senón que con po cerámico... 

Un sentir de agradecemento provócanos esta alfa que, ao tempo que recorda ao mestre de Sargadelos, fainos seguir soñando cun país, coma a noso, que podería ser Ávalon (lembramos a Carvalho Calero!), ou Terra Soñada (subliñamos o desexo de Xoán Babarro).

Beizóns... e sigamos a soñar con realidades posíbeis!

A ESTRELA DE TERRA SOÑADA


    En tempos, nun país de xigantes e xigantas chamado Terra Soñada, naceu un día I. Era un picariño moi soñador. Para el, o axóuxere era unha orquestra sinfónica, a pucha, un papaventos e o globo, un planeta arco iris.

    Transcorridos anos, certa noite, escapóuselle o maxín por unha fírgoa de sono escondida e, un humilde vagalume que facía o caldo, converteuse de repente en estrela. E, coa mesma, aquela luz foise perder na inmensidade escentilante. “Teño que recuperala para o meu soño” –pensou I–. E saíu en busca dela.

   E velaí que, nunha revolta do camiño, tropezou de repente co deseñador solitario S.

   –Que fas no meu soño? –preguntoulle.

   –O teu soño é tamén o meu soño. Eu quero plantarlle rosas, poñerlle brisas e pintalo de risas.

   –Se é así, acompáñame, que lle imos baixar a estrela que o ilumine.

   Os dous seguiron camiño e non deixaban de matinar en como poderían acadar a muxica extraviada no firmamento. E, cando bordeaban un recanto da bóveda durmida, atopáronse coas xemelgas oleiras AA.

   –Que facedes no noso soño? –preguntáronlles.

   –O voso soño é tamén o noso soño. Nosoutras encherémolo de arxilas multicolores acuguladas de sorpresas.

   –Sendo así, vinde canda nós, que lle temos que conseguir unha luz que non se apague.

   E alá marcharon a paso de xigante. E cadrou que, un pouco máis adiante, no curuto dunha montaña montañísima recortada no mar celeste, dexergaron un personaxe inesperado. “Seguro que é un pescador de estrelas” –pensaron os catro.

   –Pois atinastes… –díxolles, despois de chegaren onda el–. Son C. O meu oficio é pendurar luminarias nos castros e nos castelos, para que se enfeiticen con verdes os vimbios dos sargadelos.

   –Amigo, que alegría dar contigo! –dixo emocionado o primeiro xigante–. Faltabas ti para completarmos con éxito o soño de todos.

   Entón, moi contentos os cinco, abrazáronse en rolda no pico máis alto de Terra Soñada e quedaron convertidos en estrela... 




Xoán Babarro

 

 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!