Lela da Silva: Comemos con Isaac cada día
Comemos con Isaac cada día |
Pois unha "muller do común", que escribe de marabilla e ten na retina a República e todas as luces que transmiten os símbolos recreados nas vaixelas de Isaac, convídanos a xantar con ela á mesa. Porén, máis aló das viandas, dos aperitivos e dos cafés están os continentes cerámicos, todos eses países de cultura que se escriben en azul, todas esas patrias pacíficas de caolín en branco (bandeira izada polo vento!), todos ese universos creados pola man dun xenio que non é deus pero si persoa, que non é perfecto pero fai de ouro o que soña.
Di ela, Lela da Silva, que "todos os días comemos con Isaac" e en certo xeito é así... Xantamos cabo del, sobre o que el creou, sobre a louza que é luz, tradición e historia... De Lela, amais de nos sonar (e soñar) a uns versos Castelao, só poemos sinalar que non temos máis información que o texto que redacta. Pero todo el, na súa manda, podería servir de conclusión do que para todas e todos os do Alento Esbravexo significa a biografía de Isaac Díaz Pardo. Recende o mar sobre o bordo da borda, no azul e do caolín e o bico do prato!
Comemos con Isaac cada día
Nunha ocasión na que reenviei por whatsApp unha das mandas a unha amiga, contestoume con este par de fotos e unha frase: “Todos os días comemos con Isaac”.
Si, xa sei que inmediatamente vos
acordades daquel anuncio que dicía que comían coas conservas Isabel pero...
soaba diferente.
Estes, comían na presenza de
Isaac, nos seus pratos; á súa vista. Para demostralo ademais de enviar a foto
da mesa a punto de ser recollida, mandaba outra na que se vían tres vaixelas
incompletas, as tres de Sargadelos, para ir complementándose e non botar en
falta o que racha. Porque o que ten uso rompe pero non debe acabarse.
En moitas casas cómese con Isaac.
Cada vez que se colocan os seus pratos sobre a mesa realízase un ritual, unha oración
silenciosa. “Poñer os pratos” semella un acto de agradecemento a aquel que nos
considerou dignos de posuír uns obxectos que nos identificaran, que foran de
uso diario pero tamén de alto deseño.
En realidade, vivimos con el.
Aínda que queiramos negalo. En que casa non hai unha das súas figuras nos
andeis? en cal non aparece á hora do café, do té, do xantar ou en calquera dos
lugares do fogar? Agora que entramos nos despachos de tanta xente a través das
vídeo conferencias ímolo atopando no interiorismo: o agasallo daquela
conferencia ou daquel Nadal, os pratiños conmemorativos daquela festa... el ocupa
os nosos espazos profundos traendo as lembranzas de como chegaron a nós esas
cousas, en que ocasión, a través de que mans. As súas pezas forman parte do
noso decorado, do tempo cotiá: o devir de cada día.
Súa é a escenografía dos
adentros, os elementos producidos polas mans da terra, o caolín das nosas
barreiras e as ideas que naceron na República, aquela dos soños compartidos que
foi “acribillada” a balazos, facendo sangrar as cunetas.
Por iso, somos moitos e moitas as
que afirmamos que máis alá de comer con el, el vive entre nós a través das súas
figuras e vaixelas. Que meirande honra para un artista que quixo popularizar a
súa obra? Máis alá do gravado, máis alá da copia numerada, nos obxectos de uso
diario que adquiren a condición de máxicos ao saír das súas factorías. Fábricas
creadas pensando nun país utópico, que soñase os seus propios soños, na lingua
dos antergos, coas iconas que estaban aí dende a prehistoria, coas formas que
viñan de vello pero se actualizaban no hoxe.
Si, estaremos sempre con Isaac,
mantendo viva a súa memoria no día a día.
Lela da Silva
Unha muller
do común
Si é certo...en moitas casas do Pais a sua obra está presente...nas vaixelas ,e tamén en todo tipo de figuras...
ResponderEliminar