Rosa de Soutelo, Isaac e unha saia de Cecilia para Icía
Unha para saia para Icia (Deseño de Rosa de Soutelo) |
Dende a sombra deitada polo monte Xesteiras (Cuntis) chega -movida polo aire- unha saia para Icía. Esta foi confeccionada por Rosa de Soutelo, muller que tanto lle dá aos eidos como realiza labores domésticos, deseña un patrón como cose unha saia non para Carolina, senón para a súa filla Icía (malia haber quen ousa en castelanizarlle o nome polo de Cecilia).
Rosa ten impartido numerosos obradoiros téxtiles e, incluso, de cando en vez aposta por narrar o que fai, de deixar recollidas todas as súas obras en apuntamentos marabillosos.
Admirade, coma nós, a súa saia, que elabora en base aos debuxos de Isaac Díaz Pardo (20 desnudos de Cecilia la acróbata). Quizais dende aquí lle chegue este multitudinario aplauso.
Unha saia de Cecilia para Icía
Ola amigos de Alento Esbravexo desculpade a hora na que vos mando este correo, mais eu son das que lle traballa a “chencha” de madrugada (mentres o mundo do bule-bule, do ruído e do todo para xa dorme). Talvez a miña achega non sexa moi orixinal, nin tampouco mirei se tiñades algo publicado do mesmo cariz ou igual; se for o caso, tedes o meu permiso para non publicalo. Desde o ano pasado tento “desconectar” de todo: da estupidez, da saturación de información, da falta de crítica e mesmo rigor en noticias que (queira ou non) acaban aparcando uns segundos nos meus ollos e instalándose na miña cabeza.
Unha xa está máis ca farta que a humanidade, e en concreto as mulleres, se teña que adaptar sempre a modas e clixés, e mesmo certos comentarios machistas de se as miñas tetas son pequenas ou grandes, se se me ven as pernas ou a “raghaña” do cu. Eu son como son! E a quen non lle chiste, que se amole!
É por iso que non vacilei á hora de tomar prestados eses espidos e darlles cor (porque nós as mulleres, non somos de cor de rosa: somos da cor que nos pete). Os catro debuxos funos virando conforme formasen un xogo un tanto erótico onde de lonxe só intúes liñas de cor e de preto ves as formas femininas coas súas voltas e reviravoltas. Fixen probas con tintas, mais por aquilo de estarmos “perimetradas” as persoas entre concellos, comarcas… non puiden encargar a saia en serigrafía. Así pois, collín as miñas bobinas e fun bordando cada muller (lila, verde, vermello e azul). Logo cada grupo vouno repetindo ao redor de toda a saia. Todo isto vai na parte inferior da saia, porque logo cando a vistes coas ondulacións que forma a tea sobre o corpo, conforma un xogo visual moi bonito e elegante. Para rematar pegueille uns dez botóns con cadanseu fío de cor.
Agora que logo chega a primavera e o bo tempo e
poña esta saia, xa vos direi se queda ben ou non!
Unha aperta grande e moitos parabéns polo voso
alento esbravexo, tan necesario nestes tempos!
Rosa de Soutelo.
Unha para saia para Icia (Deseño de Rosa de Soutelo) |
Fermosura!
ResponderEliminar