Soledad Pite e unha alborada para Isaac

Alborada (obra plástica e poética de Soledad Pite)

Polas puntas dos dedos agarra Isaac un mantel, coma se for un mapamundi de continentes e contidos. Esténdeo para que todas as persoas o vexamos, amosando as xeografías xeométricas da cerámica e os pigmentos -todos- cos que pintou o caolín e os soños. E nese pano de vitorias voan as andoriñas e as mans creativas tamén de Soledad Pite, a súa autora, nunha acuarela fantástica que recolle os atlánticos días dunha biografía intensa. Porque a artisa, fabulosa onde as haxa, apaña e acompaña a infancia de Isaac, os tempos mozos con Mimina, os anos de adulto e sabio curioso, e esa intelixencia que perdura cando o camiño se estreita cara a vellez. 

Un mar de acuarela énchenos os ollos de bágoas, co salitre brillando nas praias do recordo... E veñen a nós en mareiras e ciclóns pois esta é a última manda que publicamos de todas aquelas que zarparon dende portos dos cinco continentes (Europa, América, África, Oceanía e Asia) pero que tamén partiron dos cinco contidos (literatura, artes plásticas, gastronomía, música e artesanía) e arriban  tamén a todos os sentidos (ouvido, gusto, tacto, olfacto e vista)... 

E que mellor xeito que facelo con ese mantel que teceu con auga Soledad Pite, como se for un gran cobertor albiceleste, para nos recoller a todas e todos en unidade fraterna e honra ao mestre Isaac, nunha alborada de satisfación e ledicia!

Porque seguro que Soledad ha saber desculparnos ao non falarmos hoxe tanto dela, da súa faceta como artista e docente, como ilustradora de obras de Chao Rego e da revista Encrucillada, do seu paso pola  facultade de Belas Artes (na Universidade de Sevilla) e de todas aquelas mostras que foi quen de pendurar de tantas miradas e en tantos recunchos de Galiza, España, Portugal... Aínda que si diremos que son tan tremendamente fabulosas as súas obras plásticas -escritas con palabra e pulso decididos-, como as súas composicións líricas -que recenden a acuarela, a sinceridade e a tenrura-. 


Por iso, ademais desta obra plástica que entrega para lembrar toda a esfera creativa do mestre de Sargadelos, acompaña a súa manda cuns versos en Alborada para Isaac... Fica, xa que logo, un fermoso libro-poema que, quizais, deberiamos ler mentres visualizamos as estampas... 



ALBORADA


Hora tras hora, día tras día, desde aquela luzada que rachou a noite,
dime, que move a un home a erguerse co sorriso nos beizos
e gozoso entregarse á colosal tarefa de engalanar a rosa?

Dime:
que outra historia lías nas estrelas
a non ser unha promesa de amor?

Que outra empresa que non fose
o empeño dun ser namorado
fixo xurdir nas túas mans tanta beleza?

Hora tras hora, día tras día,
arxila, engobe, pincel e cobalto,
marabilla anovada polo lume e a ilusión.

Camiñabas sementando menceres,
reparabas as feridas do tempo.
Dime, Isaac, proxectabas un faro ou un luceiro?

Que outra forza, dime, que outra maxia
impulsa a un home ata entregarse a un soño
que non sexa a plenitude da Aurora?


Soledad Pite

Alborada (obra plástica e poética de Soledad Pite)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños