Zeltia ao Aire entrega un amuleto para Isaac
Cornaberto (peza de Zeltia ao Aire) |
Para a Zeltia ao Aire, Isaac é "un dos referentes máis importantes de Galicia e fascíname esa maneira de debuxar e pintar, como con tan poucas cores e aproveitando o branco das pezas consegue amosarnos cousas tan nosas. É dicir, como con algo tan sinxelo é capaz de mostrar e expresar tanto, xa que son pezas que asemellan ter vida".
Esta autora dedícase á xoiaría téxtil coa técnica do bordado ao aire, das que xorden esas pezas sublimes -como as pasamanerías- aplicábeis aos traxes tradicionais galegos. A obra que nos trae encádrase xustamente niso, na xoiaría téxtil: bordado ao aire e pintura, fundamentalmente, unidas por un substrato creativo de Isaac e unha concepción contemporánea de Zeltia.
Cornaberto (peza de Zeltia ao Aire) |
Comenta Zeltia que, na orixe, a idea de bordar algo de Sargadelos parecía sinxela "pero a medida que ía traballando xurdían detalles que non tivera en conta (...). Decanteime por facer un amuleto porque é das cousas que máis recordo de cando era pequena, xa que me chamaban moito a atención esas formas e cores. Co tempo fun aprendendo que tiñan un significado e unha función. Xa se sabe que habelas hainas!".
Ao final Zeltia bordou un amuleto para protexer a Isaac, concretamente un Cornaberto, que se emprega contra aquelas persoas que nos queren facer dano. Porén, a peza tamén resulta ser unha alfaia que axuda a comprobar a influencia das obras de Isaac en todas e todos nós... Quizabes a infancia tamén se le nesas cores e nas liñas das mans... As ideas tamén xorden do cobalto... Talvez os ideais se transmiten até Nós dende a sinapse neuronal dun xenio aínda esperto.
Comentarios
Publicar un comentario