Carme de Xinzal, Isaac Díaz Pardo e a lingua materna
Cadeira de Isaac Díaz Pardo |
Desta volta e con razón, pois resulta ser un día máis ca axeitado, dámoslle voz dende o Alento Esbravexo á nosa amiga da Senra (Compostela) Carme de Xinzal. Para quen non a coñezades indicarémosvos que é unha recoñecida traballadora social que desenvolve un importante labor nun concello das inmediacións de Santiago. Alén diso, colabora con diversas ONG de axuda humanitaria e, de cando en vez, lanza na prensa unhas columnas que gustou en titular Prosas.
Con ela temos coincidido nas manifestacións convocadas por Prolingua e Queremos Galego, como gran defensora que é do idioma do país. Disque actualmente está a recompilar varios dos seus escritos en prensa para publicar a súa primeira obra literaria. Así e todo, baixo o noso punto de vista, augurámoslle un gran futuro nas letras. Para mostra, un botón: velaquí deixamos na súa integridade a manda que nos fixo chegar.
Saúde e beizóns por este relato tan necesario!
Prosas: Isaac no Día Internacional da Lingua Materna
Que conste que a min ese tipo de
tardes gústame moito, aínda que de certo me esgoten de vez. Por iso, como
recompensa –aínda que tamén para airear un pouco as cabeciñas– decidín levalos a
cear. Emocionados, escolleron “pizza, pizza, pizza...”, malia que saben que eu gusto dos petiscos e a empanada de choco.
–Unha catro estacións –suxire Xenxo.
–Mellor unha tropical –indica Aldara–
pois leva ananás e atún.
Acaban de soar as oito nas campás
da catedral, polo que aceptamos ir andando; mais no canto de baixar a Senra, introducímonos
pola alameda, rodeamos coma nun lazo o monumento a Rosalía e pouco a pouco as conversas
foron aproximándonos ao destino.
–Ola, son Martiño, o voso
camareiro. Está ben esta mesa?, indicáronnos nada máis entrar.
A verdade é que nos daba igual, porén houbo certo malestar entre os cativos por non elaboraren alí os menús que eles
suxeriran. Así e todo, como persoas aventureiras que somos, aceptamos abrir os
ollos a unha nova carta e aceptar sabores quizais diferentes para os nosos
padais. A cativa, tan acelerada como sempre –filla de nai– quixo unha de
lagostinos con queixo afumado; Xenxo a de gambas con allo... E eu aceptei a
suxestión do servizo: unha de polbo con queixo da Arzúa. Todo tiña que ver coa
terra (e co mar, ese que arrolaba todos os días a Xohán e que, lamentabelmente, tamén o
separaba de nós).
Sen dúbida quedamos cheos como centolos, en todos os aspectos, porque un batallón de preguntas circulara por
entre os pratos coas respostas estarricándose tanto coma o queixo fundido.
–Pois de maior serei, serei...
voceira dun grupo político que defenda o noso idioma –afirmaba Aldara mentres
erguía a voz coma se se tratase do seu primeiro discurso. E prometo que non vou
facer promesas que non poida cumprir. Ademais defenderei o idioma como defendo a
casa do avó (calcara de feito unha frase que o domingo anterior ouvira á
súa tía Pilar, a da rúa de San Pedro).
Xenxo, que era menos vehemente ca
vinculeira, quería seguir cos seus debuxos.
–E logo de estudar en Pontevedra,
coñecer o seu Museo, ver as coleccións de Castelao... farei algún curso de
Cerámica que recolla a tradición dos nosos antepasados, coma a de Castrolandín,
ou a de Sargadelos, a da época dese señor dos cacharriños, dese que fala tanto
papá! –comentou o cativo.
Logo tocoume a min, e eu díxenlles que quería seguir facendo o mesmo o resto da miña vida, traballar en asuntos
sociais, intentar conseguir oportunidades para esas persoas en risco de exclusión, eses seres feridos que viven entre cartóns, no ceo das pontes e dos
caixeiros automáticos, xusto debaixo das gadoupas de quen os desprezan e limpan os seus fuciños con papel moeda.
Martiño, o camareiro, trouxo a
conta, mais ao lado do recibo había un sobre. Aldara –cuspidiña tamén á súa tía
Eva– non puido aguantar a emoción e nun “tris-tras-tres” rompeu o sobre e xa se
apresurou a ler en voz alta:
“Vale por outro xantar para tres
persoas. Esta mesa, ao azar, acaba de ser escollida no concurso que,
anualmente, celebrabamos no Día Internacional da Lingua Materna. Compostela - 21 de febreiro de 2020”.
Cadeira de Isaac Díaz Pardo |
costurasanadevilatuxe@gmail.gal.
A verdade é que fomos ben
felices, pasámolo en grande, rimos a esgalla pero a noite aínda deparaba unha
sorpresa máis.
–Mamá, mamá, bule... veña, bule!!
Abre o correo electrónico e mira se xa nos mandaron a foto! Teño ganas de enviarlla a Maka. Aldara quería que a súa mellor amiga, a do Ensanche, tivese unha copia dese día que -para ela e para todos- fora ten especial.
E así foi. Aí estaba a mensaxe.
Rosalía cumprira a promesa. Descargamos o arquivo, abrímolo e alí ficábamos retratados os
tres... Mellor dito, os seis: Aldara detrás da cadeira de Castelao, eu ao carón
da de Concepción Arenal, e Xenxo xunto a de Isaac –si, o señor dos cacharriños, dese que tanto fala o seu pai!
...Algo ocorrera esa noite que non dabamos explicado... Nós quedaramos pampos.
Carme de Xinzal
No Día Internacional da Lingua Materna
Comentarios
Publicar un comentario