Unha carta de Antón Costa Rico para Isaac Díaz Pardo
Pois desta volta tocouconos facer de servizo de correos -e con moito gusto- pois ao buzón do Alento Esbravexo chega unha carta de Antón Costa Rico dirixida a Isaac Díaz Pardo. Así e todo, o remitente déixanola ler, pois moitos dos aspectos que indican -e das que informa a Isaac- fomos tamén persoas espectadoras e, nalgunha ocasión, realizadoras.
Resulta unha mágoa que o informe de que dende a Xunta siguen os de sempre con "pel de elefante" ante o problema de lingua, de perda paulatina de falantes. Incluso hoxe houbo alguén que nos dicía que até un monumento arquitectórico se restaura e intenta reerguer, aquí o edificio do idioma non conta con esas axudas. Mais non nos desviemos da manda, pois cómpre facer memoria de que Antón Costa -o autor epistolar- aínda que de orixe analuza gasta decote o idioma do pobo que o acolleu a el e á súa familia (procedían de Andalucía). E tanto é así que a maior parte das súas obras están publicadas en galego, lembremos que foi unha das persoas fundadoras de Nova Escola Galega (1983), que promoveu a Revista Galega de Educación (1986) e que ademais de pedagogo é catedrático (xubilado) de Historia da Educación.
Cantos Antón Costas precisamos neste país e cantos Isaac! Canta lucidez se necesita para que esvaezan estas tebras seculares que non deixan contemplar o camiño! Porque, aínda dende o realismo, esta manda fala de luz, de reparar, construír e camiñar dende a solidariedade e a cooperación social. Sen dúbida unha sociedade responsábel e que actúa como tal ten que vivir dende a solidariedade (verdadeiro resultado da saúde dun pobo).
Dende o Alento que non cesa deixamos un petisco desta carta, porén poderédela descargar na súa integridade ao premer na icona lateral, xusto na imaxe que represente a este colectivo que -entre outras responsabilidades- busca tamén dar luz á palabra. Beizón, Antón, e moita saúde para o pobo e para as xentes que o constitúen. Apertas solidarias!
Querido Isaac:
Desde que fuches durmir fóra ―como diría Xesús―, e van oito anos, moitas cousas pasaron…no mundo…e na nosa casa, e quero aquí acordar no fermoso poema de Gabriel Aresti Nire Aitaren Etxea, isto é, Defenderei a casa do meu pai. Non che sei dicir cantas cousas foron a mellor, pois penso que poucas, sendo tamén certo que agora mesmo estamos baixo o impacto dun virus que matou a ben de xente e que aos máis tennos vivindo con algunha preocupación.
Non quero pensar como andarías ti cunha mascara tapándoche toda a cara. Un desastre! Porque se é verdade que a cara é o espello da alma, deste modo, agora apreciaríamos os teus ollos, que non é pouco en sabendo lelos ―que non era doado―, pero perderíamos o xesto do teu sorriso, cando na combinación dos teus ollos e do teu sorriso eu detectei (como tantos) o vivo sorriso de Daniel, do Pórtico da Gloria,como tiven ocasión de dicir na homenaxe que che renovamos o 7 de xaneiro de 2016 en Boisaca, atendendo á chamada da Academia Real Isaac Díaz Pardo, algo que logo quedou publicado.
Mais, ao que ía. As cousas que foron a peor viñan
cocéndose cando estabas con nós aquí: crise económica e climática, a xente moza
con problemas para enfrontar con certa tranquilidade o seu horizonte vital, a
nosa lingua que segue a derramarse entre a xente, ao tempo que os que nos
gobernan –segue Feixó‒ mostran ante o asunto pel de elefante, e seguiría
referíndome a máis cousas, aínda que non debo, que non é do caso que te amole.Preme aquí
pra seguir
coa lectura
(...)
Antón Costa
Comentarios
Publicar un comentario