Pepe de Benedicta, o mar, Baroña e Isaac

Cerámica do Castro vista desde o Castro de Baroña (autor: Pepe de Benedicta)


Pepe de Benedicta é un home do mar, un home que coñece a suor que se mestura co salgado no medio das redes, que sabe das paisaxes mariñas e da chamada da buguina... Pepe entende que as areas son abofé o resultado cerámico que realiza o mar ao brunir a pedra, tal fose un canteiro, unha oleira... Non ignora, xa que logo, a importancia dos oficios, das tradicións, dos gremios e da falas. 

Pepe sabe dos brazos sufridores de homes e mulleres que traen o pan e o peixe para a casa, coma se trouxesen o maior tesouro pois, ao fin e ao cabo, é a vida; e a terra un envase no que se contén e comprende.

Cerámica do Castro vista desde o Castro de Baroña
(autor: Pepe de Benedicta)
Arestora os oficios tradicionais vanse ceibando da man para ser escravos da báscula, nun tempo en que todo se mide, nun tempo que se mide, que se pesa, como pesa o diñeiro pero non o valor, a aprendizaxe xeración tras xeración, a identidade,  e a palabra...

Pepe de Benedicta sabe deses segredos e destes aconteceres, mais tamén coñece a importancia de certas empresas e proxectos ancorados nas ribeiras do noso espírito nacional. Como consecuencia, remite esta manda a Isaac Díaz Pardo pois fala algo nesa linguaxe, e sérvese do Alento Esbravexo para que actúe de barqueiro e emisario.

En relación á estampa que nos facilita, comenta o autor que se trata dun xogo icónico e lingüístico (metalinguaxes ou colaxes visuais): "Cerámica do Castro, Ediciós do Castro... vistas dende o Castro de Baroña cun prato que leva os nomes dos lugares. Nos nomes está o nó que une pasado e presente, igual que a suma de tradición e modernidade que dignificaron as empresas de Díaz Pardo. Imaxe de cerámica do XX e xacemento arqueolóxico anterior á nosa era, para Isaac".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños