Guillerme Coen, Isaac e a soberanía de mañá

Poema de Guillerme Coen

Na xeografía arxentina ergue Isaac Díaz Pardo, como bandeira, a Fábrica de Porcelanas da Magdalena, a pouco máis dun cento de quilómetros de Bos Aires. Corría o ano 1955... Seoane ficaba nesas terras, retido por mor das circunstancias políticas españolas, coma tantas outras persoas galegas alí exiliadas, ancoradas na morriña mais agardando con impaciencia o progreso e a esperanza de que un día chegase o retorno. 

Uns anos máis tarde nace nesas mesmas terras o autor que hoxe nos aleda o día cun seu poema. El é Guillerme Coen e envíanos unha fermosísima carta que ben nos serve de autopresentación. Velaquí a reproducimos:


"Ola, que tal?

Quixera contribuír á homenaxe co poema que achego.

Moitas grazas.

          Cheguei a Compostela aos once anos de idade, despois fun á escola coma outros rapaces do barrio da Choupana para exercer de picheleiro. Son administrativo de profesión, gusto do cine, da natureza e da literatura. Atopo nos libros un recuncho á miña personalidade, de pre-xubilado amante da lectura, sen pretensións ningunha.

          Publiquei un libro de relatos, A Calor dun Niño, e a novela Brais, que supuxo a miña persoal confirmación como escritor en lingua galega. 

          Unha aperta,

Guillerme".

Porén, Guillerme é unha persoa que soubo entender a alma do pobo galego, ler nos regos creados pola historia, reproducir o ronsel que deixan as xentes que cosen versos e enfían ideas. De aí que as obras que sinala Guillerme e das que é autor teñan sido moi ben acollidas polo público así como valoradas polas persoas que ofrecen -tantas veces e con xenerosidade manifesta- as súas críticas literarias. Como el ben indica, entréganos para lembrar o aniversario de Isaac Díaz Pardo unha composición, sen dúbida curiosa, interesante, diferente e que consegue abofé emocionar. E faino polo mesmo feito que indicabamos anteriormente, porque saber ler o tempo na alma do pobo, peneirar a historia, cribar a palla do grao e entrarnos un pan que sabe a palabra. 

Beizóns por tanto e por todo, mais subliñamos a nosa gratitude por ter escollido a defensa da palabra e a identidade colectiva da Galiza. Saúde!

VISIÓNS E HOMENAXE


Poema para lembrar a Isaac Díaz Pardo

Agosto 2020

  

 

Segundo Isaac o desaire persiste

visión do gran artista infrinxe

agocha na alma coa sombriza

coa luz e vocabulario de signos

 

Isaac Díaz Pardo ten maneiras

no obxecto lenzo reparara

significado á esperanza recobra

sabe ben de afacerse ás pegadas

circunstancias coas que acha

 

Latexo de xenio cobra o seu porte

madura nas emocións e esvaece

xurde nel ese trazo de identidade

formas suxestivas que incomodan

que berran entre remuíños de imaxes

a eito de estoupar contra os poderes

 

Ese noso artista chamado Isaac

posúe patria de sombras en loita

amortece suxestións coa súa dor

coas súas formas e talento

coas cores patinadas de lembranzas

hoxe son vertixe e mañá soberanía.


Guilleme Coen

  

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños