Fernando Porto, Díaz Pardo e unha cabra con ás

Cabra con ás (obra de Fernando Porto)

Fernando Porto Mato é unha desas persoas que te asombra por mor da súa sabedoría, do seu ben falar e do seu ben facer. As veces que lle escoitamos un cantar ou un dicir en público sempre foi digno de aplauso, pois nel radica non só o xenio senón asemade a xenialidade. 

Pero fagamos unha chamada de atención: Fernando Porto non é un todo completo sen Trinidad Barranco, e viceversa, pois a súa compañeira choia con el no seu laboratorio de ocorrencias, nese fantástico obradoiro estradés. E eles fican acubillados entre centos e centos de pezas cerámicas, no baleiro do molde e na plenitude de milleiros de detalles artísticos, de debuxos, de sedas estampadas con infindos fractais, panos de cores vivas e unha historia agochada enriba e no interior de cada peza.

Porto é iso... un furacán de ideas e esmaltes brillantes, un coñemento intenso e inmenso da historia para, logo, adaptala a unha nova realidade plástica. Ou acaso Isaac e Seoane non empregaron un método semellante anos atrás?

Aquí recollemos a manda que Porto Mato entrega para ciclar, como arxila, na memoria de Díaz Pardo.

Beizóns, mestres! Apertas a eito e que un día a Torre de Guimarei volva ter o esplendor que outrora corou Daniel de Rianxo.

Manda para un recordo

Cabra con ás - peza de Fernando Porto elaborada
en barro sen cocer, bañada con betún de xudea e
esgrafiada (1977). Dimensións: 8 X 4 X 3 (cm)
Alá polo 1975, despois de ter debuxado moito as miñas mans, tocan por primeira vez o barro, até hoxe durante 45 anos seguidos. Debo agradecerlle dalgún xeito, tanto a Isaac Díaz Pardo como aos ceramistas portugueses Rosa Ramalho, Misterio, Rosa Cota…, nuns momentos difíciles e angulares na miña vida pois, aínda que o universo da pintura resultaba ser una agradable aventura, traía certas complicacións para a subsistencia diaria. Deste xeito, síntome herdeiro, amparado, regaláronme liberdade, pois foron eles co seu facer os que abriron o camiño para dedicarme de cheo á cerámica.

Castrón de ouro atopado en Ribadeo
(foto: Museo Provincial de Lugo)
Tempo antes da peza que comento a continuación, xa tiña feito un animal imaxinario de grandes proporcións que é a primeira dunha longa saga que dende aquela multiplícase fractalmente en formas e diversidades en toda a miña obra tanto cerámica coma pictórica e de debuxante. Xa daquela falaba e escribía en linguas imaxinarias, quizais para entenderme e entendelos mellor. É curioso como se aliñan as coincidencias nas distintas épocas, e digo curioso polo feito dunha das primeiras pezas que conservo sen cocer. Esta é a Cabra con ás que amoso na fotografía feita no ano 1977 bañada con betún de xudea e esgrafiada en modo arcaico, que por feito das casualidades, este é o único animal mitolóxico que se atopou en Galicia, concretamente en Ribadeo, que despois reproduce Sargadelos co seu marcado estilo propio. A que fixen eu, alén de moitas outras, realiceinas cando estaba de estudante na Rúa Castrón Douro en Santiago de Compostela, sen saber da existencia da de Ribadeo. Así, conservei no meu facer a maxia dos símbolos tanto galegos coma ancestrais cos que sempre tiven unión, ao igual que Díaz Pardo sempre tivo en consideración.

Castrondouro (Sargadelos)
Non podo esquecerme tampouco de Rosa María Maside, quen vendía os meus primeiros animais imaxinarios sen cocer na Rúa do Vilar preto da Catedral de Santiago e me permitían saír adiante. Rosa é a sobriña do pintor Carlos Maside, que dá nome ao Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside, situado no complexo da fábrica de Cerámicas do Castro do grupo Sargadelos. Simultaneamente, eu comezaba a vender os meus animais imaxinarios na Rúa do Franco cun cartel que dicía: “Hai sereas e cempés, rupícolas moi bonitas, cabalos vivos máis de tres, e hasta hai bichos ao revés”. Visto o cartel, sempre preguntaban: “Por que os fas?”; ao que eu lle respondía: “Son galegos, pois en calquera camiño de Galicia, teñen variedades de plantas e outros animais cos que se alimentar, de aí a súa maxia imposible no deserto”, o que fai que non deixe de lembrar ao tan querido e inesquecible Isaac que abriu moitas portas deixando una enorme estela ao seu paso.

Isto lévame ao encontro que tiven con Díaz Pardo cando andaba na procura de aprender a traballar o vidro. Eu sabía da existencia dun forno destas características en Sargadelos polo que fun alí a falar con el para pedirlle se me deixaba aprender este oficio. Para a miña sorpresa nada máis preguntarlle respondeume: “Claro que podes, fai o que queiras no forno” o que, realmente, me asustou, pois eu pensaba que habería alguén alí que me guiase no proceso posto que eses fornos non estaban en funcionamento neses momentos. Non obstante, animoume a facer o que eu tivese a ben. Un regalo espléndido que conmemoro sen querer cada día da miña vida, pois este home deixou forte pegada en min coma na Galicia que habitamos.

Como todos estamos feitos de todos, remato aquí co que dixo Isaac na súa despedida nunha reportaxe: “Perdón polas molestias”.

Fernando Porto Mato


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños