Manuel Blanco Barreiro e Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo (peza en pirogravado de Manuel Blanco Barreiro)

Nado en Compostela, Manuel Blanco Barreiro é un artista plástico que hai tempo asinaba as súas obras co pseudónimo Toxo para, a partir de 2008, trocalo polo de Ulex. Xa de mozo resulta varias veces finalista no Certame Galego de Artes Plásticas. 

Isaac Díaz Pardo 
(peza en pirogravado de Manuel Blanco Barreiro)
A nivel colectivo, expuxo na Facultade de Filosofía da USC, no Concello de Cambre e na Casa da Xuventude de Carballo; mais a nivel individual as súas pezas penduraron en varios locais da Coruña, Compostela e incluso no Hostal dos Reis Católicos.

A que nos trae Manuel Blanco é unha obra que, polo seu estilo, resulta novidosa dentro do proxecto d'Unha manda de pezas para Isaac. A base de calor vai queimando a madeira, que colle tonalidades torradas e marróns, que recordan o recendo da terra. E en base a liñas e superficies, o artista consegue grafar a imaxe de Díaz Pardo en pirogravado. O redor da silueta lese esta lenda: "Esta xeración é a que máis contamina da historia, a xeración do lixo". Así logo, o Manuel lembra unha afirmación coa Isaac intenta combater a destrución do medio ambiente e, paralelamente, polo que a peza artística se fai vehículo de denuncia, fito conmemorativo e rótulo contra a desmemoria.

Agradecidos por esta peza que tanto nos fai pensar. Por algo sería que a súa elaboración fose mediante o queimado da madeira, o que nos leva a ver tamén imaxes de montes queimados e, incluso, imaxes de biografías que algúns quixesen borralla. Porén, existe o gravado, o que se grava na madeira, no papel e na memoria; e fican biografías trazadas en torrados e marróns, cores que representan a aquelas persoas que fixeron país pensando na Terra (na Nosa Terra)!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños