III Premio Leixaprén, recordado nunha manda, a Isaac Díaz Pardo


Daquela Domingo Ramón Campos Alborés era coordinador do Equipo de Normalización Lingüística do IES Campo de San Alberto de Noia. Ocupaba a dirección Julio Caamaño. Nese 2002 acordárase entregar o III Premio Leixaprén na defensa da lingua a Isaac Díaz Pardo, e con pluma áxil así o relata o propio Domingo Campos, profesor nese centro de ensino.

El tamén nos facilita un outro documento histórico, unha fotografía tirada nese acto na que se identifican, ademais de a Isaac, a Roberto Vidal Bolaño e ao citado Julio Caamaño. Pero esta manda, redactada polo pulso de Domingo Campos Alborés vén a demostrar tres cousas no fundamental: a defensa de Isaac ao idioma galego, o feito de que este era outro mérito que se lle recoñeceu en vida e, por último, que compré rescatarmos a "este xigante de talla pequena pero de espírito inmenso". Fan falla moitas mans para remar no mar da memoria e da Xustiza... Por iso, gustamos de todas as achegas que teñen no horizonte esta meta.

Beizóns e moita luz!

O Leixaprén e Isaac

O Leixaprén era un premio promovido polos Equipos de Normalización Lingüística de diferentes centros da zona que escolarizaban alumnado de Secundaria. No ano concreto ao que me estou a referir, participaban os dous institutos de Noia, o de Outes, A Cachada de Boiro, os dous de Muros, o CPI de Lousame e o da Picota. Cada ano correspondía a un centro diferente a súa organización recaendo, na terceira convocatoria, no IES Campo de San Alberto de Noia. Corría o ano 2002 e nel premiouse a labor de Isaac Díaz Pardo na defensa da lingua.

O día da entrega, correspondeume como coordinador do ENL deste centro, manter o acto e lembro como comecei o discurso referíndome a un artigo que el escribira titulado “O galego en perigo”, nel partía dun informe da UNESCO que diagnosticaba o perigo que corría o galego, lembraba que, corenta anos atrás, Alonso Montero xa fixera o informe dramático e que daquela e agora aparecían os cenáculos literarios que consideraban que non podía desaparecer unha lingua que contaba con tanta riqueza literaria, como se o latín e o grego clásico non deixaran de falarse a pesar de contar cunha literatura que seguiamos lendo na actualidade; facíalle unha relativa graza (dramática) a reclamación dos citados, acerca de que a UNESCO non os consultara, a eles, aos que entendían que a vixencia dunha lingua debía valorarse pola produción literaria en vez de ter en conta a súa función social. Concluía, Isaac, que a situación dunha lingua depende da vontade do pobo e de quen o administra. Un artigo que anos máis tarde ten unha vixencia aínda máis dramática.

Por toda esa atención e promoción, reflexión e práctica arredor da lingua o escolleramos. Á hora de  facer a súa defensa apuntaba: Díaz Pardo é unha relevante figura dentro da cultura galega do último medio século, en cita de Xavier Seoane, resultando difícil delimitar o artista, pintor, debuxante,  empresario, disertador, ceramista, recompilador, escritor, intelectual, empresario, axente sociocultural... na súa traxectoria. Eu definíao como unha enerxía creadora dotada dunha paixón polos proxectos de futuro para Galicia sen reparar no sacrificio persoal e dunha grande modestia e sinxeleza, todo iso baixo unha aparencia persoal feble na que se agacha unha vontade pétrea e unha mente clarividente.

Daquela tivemos o acerto de convidar a Roberto Vidal Bolaño para que nos fixera o honor de vir e acompañar no acto a Isaac. Roberto estivo tan lúcido como sempre, afirmando “O noso país ignora e infrautiliza unhas das contribucións máis grandes de Díaz Pardo: o Instituto Galego da Información, un auténtico luxo”; o dramaturgo que resultara finalista na votación, ben merecía tamén un Leixaprén que xa non tería ocasión de recibir, pois esta foi unha das súas derradeiras aparicións públicas.

No acto fíxoselle entrega do grial de barro e prata que simboliza a nosa lingua e inauguráronse dous xardíns dedicados a Díaz Pardo e Manuel Fabeiro (o historiador e escritor noiés), porque o Leixaprén caracterizábase por recoñecer a alguén vivo e ao lado homenaxear a alguén que xa non estaba entre nós e que tiña defendido o idioma no pasado.

Agora que se cumpre o centenario de Díaz Pardo, dende os centros que creamos o premio Leixaprén sentímonos orgullosos de que el fóra o terceiro en recibilo, só despois de Manuel María e Xosé Agrelo.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños