Dende Bélxica, e para Isaac Díaz Pardo, un poema de Ramón Neto

Fotografía de Ruth Matilda Anderson

Xa hai ben tempo coincidimos con Ramón Neto no Matonge de Bruxelas... Alí falouse de poesía, tamén con Ana Miranda, Xavier Queipo, Cé Tomé... Barallamos fotografías e colaxes feitas por este último artista e varias amizades comezaron a xurdir sen sermos totalmente conscientes. 

A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas
Encol do taboleiro da mesa, como quen distribúe o peixe enriba do corpo dunha dorna, ciscamos ideas sobre a cultura galega actual, sobre a necesidade de vogarmos todos nunha mesma dirección: así habíamos gardar da palabra, do idioma... e recuperaríamos a imaxe daquelas persoas grandes que nos precederon e levaron un mundo sobre as súas cabezas... Dende aquela, a dorna de Ramón segue a súa singradura conectando os Polders belgas co arquipélago de Xapón. Ora ben, sen desconectar nunca da Illa de Arousa, de Areoso, Noro, Vionta e o Con de Tres Pés... O "risón" continúa en Semuíño, próximo ao Peirao de Pau.

E dende alí, dende Flanders e Valonia, Ramón agasállanos co seu verso para lembrar a Isaac. Un verso que chispea coma sempre, pois sen dúbida estamos perante un dos poetas máis destacados dos últimos tempos en idioma galego (coidamos tamén que en neerlandés e francés).

Chega un correo de Ramón... Este di así:

"Prezada xente de Alento Esbravexo, 

Velaquí un pequeno poema inspirado da obra «A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida». Espero que poida atopar un lugar dentro da homenaxe que organizan para Isaac Díaz Pardo"

Saúde, beizóns e boa singradura!


Variacións sobre «A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida» de Isaac Díaz Pardo

Segundo quen se lle poña por diante
ou quen lle queira seguir os pasos.

Dependendo
de se a estrela está ao alcance da man
ou se un teito de vidro lle corta ascensión.

Tendo en conta se imos gañando
(en realidade nunca se acaba de gañar)
ou se aínda estamos en pé de guerra
(a Pax Romana non é unha opción)

podería levar:

– unha Singer que dea puntadas onde saltan as cóxegas

– un violín que dispare balas de prata

– un sacho co mango aceso como o sabre dunha Jedi

– unha motoserra con cadea de diamantes en bruto

– un falso dente de ouro que estoupe nas bocas da baba

– a parafina da escupefogos que calcine as barbas da impostura

– unha máscara chapada de pugas aguzadas

– o mulido que avoa Aurora poñía na cabeza
e sobre o cal sostiña un mundo todo en equilibrio

até que chegaba o momento de envorcalo.


Mais o que seguro ha de levar é
o que a ela lle pete,
como, cando e onde lle pete.

(E isto nin sequera son as voces do poema quen llo teñen que dicir)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños