De Carmen Villar a Isaac Díaz Pardo

"Encantoume que el me vira coma a Carmen de ollos grandes
abraiada pola súa forza
" (debuxo de Isaac Díaz Pardo)

Lemos os seus versos, remoémolos, gustamos de retelos no padal por uns instantes, saboreamos todos e cada un dos seus fonemas e as nosas neuronas vanse nutrindo. A historia fica tamén na palabra, porque dende o idioma as papilas gustativas encontran o recordo, a identidade, o compromiso... E iso, sen dúbida, foi o que se nos suxeriu ao ler os versos de Carmen Villar, unha xornalista que foi quen de conversar e tratar a Isaac: "Logo por uns cantos anos compartín con el unhas cantas conversas cheas de razóns e puiden albiscar os seus valiosos tesouros como gardián da memoria".

Dicimos cerámica e vén á boca a forma do caolín, dicimos cobalto e vén á lingua a palabra Sargadelos... E como nos fabulosos versos de Carmen Villar, aterran esfinxes, maletas, sereas, oportunidades e sinfonías.

Beizóns, Carmen! Saúde e palabra!


benquerido isaac:

farto de que levaran
a música a outra parte
e as sereas
e as oportunidades
de converter a nosa terra
en diamantes
de letras e artes
puxécheste á fronte,
puxéchesnos por diante

renunciaches ao pincel
para construír esfinxes
e quimeras,
colosos de area
prestos a desfacerse
no mar do que naceran

porque
non chegaran
aínda os días
nin as noites
nin os tempos,
pero ti non o sabías

e cando marchaches
quedaron aínda máis baleiras
as sinfonías
e as maletas
seguían abríndose
e pechándose
coma no pasado
das vidas

pero o teu canto a galicia
valeu por varias vidas
e a túa memoria longa
convertiu o noso silencio
nunha fonte de xustiza

unha aperta tensa

                         Carmen Villar

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños