DE ALFONSO BLANCO TORRADO A ISAAC DÍAZ PARDO

O crego galeguista Alfonso Blanco Torrado -mestre, biógrafo, ensaísta e activista cultural- quixo sumarse tamén á iniciativa de conmemorar a existencia, entre nosoutros, de Isaac Díaz Pardo. Colaborador incansábel na Recuperación da Memoria Histórica e creador do coñecido Festival de Pardiñas, Alfonso gusta de propagar aos catro ventos estes seus sentimentos e reflexións.
Isaac Díaz Pardo acompañado de Alfonso Blanco Torrado
Isaac Díaz Pardo acompañado por Alfonso
Blanco Torrado
(foto: Xosé A. Arias - Xermolos)

"ISAAC, imprescindible para o noso pobo

Se Isaac foi unha das persoas máis imprescindibles do noso país no século XX, a súa transcendencia para as persoas que tivemos a fortuna de coñecelo aínda é máis grande. Coñecino na miña mocidade cando asistín a algunha das súas actividades no Castro e en Sargadelos. Nestas visitas acompañaba a Manuel Espiña e ao arquitecto Andrés F. Albalat. Impactoume a síntese que acadara entre modernidade e tradición, mesmo dotando á produción artística das súas factorías dunhas señas fieis ás nosas raíces, nunha linguaxe vangardista co afán de visibilizar a nosa cultura en todos os recantos. Austero e xeneroso, transmitía acotío o alento do noso pobo, tamén a paixón coa que sofreu o golpe de estado do 36, a emigración na Arxentina, a loita contra as inxustizas... Que dignidade nos contaxiaba nalgunha peregrinación na que cadramos algún 14 de agosto á cuneta preto de Palas onde pasearon ao seu pai Camilo e a Sixto. Estes encontros sempre foron un manancial de emocións e testemuñas que me axudaron a partillar nos colectivos, e así o sete de novembro do 2009, Xermolos e a Irmandade Manuel María recoñecémolo coma “chairego de honra”, no San Alberte de Parga, na foto, e o 2 de febreiro do 2017 celebramos a súa presenza entre nós no Museo do Pobo Galego dedicando as nosas iniciativas do Ano Europeo do Patrimonio a este xigante do espírito. 

Alfonso Blanco Torrado"

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!