Xosé Iglesias Lamela, o mar, Isaac e o xibarte
Balea de Xosé Iglesias Lamela (foto de Xurxo Lobato) |
O poeta Xosé Iglesias Lamela conta, ademais dun Atlántico inspirador, cunha mareira de versos publicados en dous libros de poemas: Transfusión oceánica (2015) e A relixión do mar (2016). Porén, outras rimas foron saíndo en diversas obras colectivas, nalgunha das cales tamén temos coincidido varios membros do Alento Esbravexo. En resumo: compartimos palabra, mar e loitas.
A balea de Xosé Iglesias (foto: Xurxo Lobato) |
Hoxe, este autor, entréganos unha manda e unhas fotografías (sacadas por Xurxo Lobato) dunha balea inspirada na vida de Isaac Díaz Pardo. O ambiente, todo el, recende a salitre, a memoria e a Xustiza, recende á suor das persoas -homes e mulleres- que loitaron e loitan por esta MA(t)R(ia) da que aínda non somos donos (máis seremos, digo eu tamén; di tamén o vate).
Velaquí a súa manda
Manda de Xosé Iglesias Lamela
Escoito as palabras do mestre Díaz Pardo falando desa
Galiza cunha riqueza inmensa e que non é quen de poder gobernala, e póñome a
pensar que seguimos navegando por ese rumbo a ningunha parte. (Dígoo eu que un
día fun un mariñeiro libre e agora sou un escravo das leis absurdas da
administración)
A ningunha patria quizais, porque dende aquela ate hoxe
proseguimos sendo vasallos, xa non só da capital a nivel do estado, senón tamén
de todas esas artimañas e alimañas que saben facer tan ben en Bruxelas.
Coincido plenamente con el en que non somos donos do
noso. Poderíamos selo. Pero sempre aparece ese lado escuro que nos derrota e
impide o avance do noso pobo até o futuro. Máis tamén sei que non me vou render
até o de agora. E crear é un alimento máis e necesario. Visibilizar a través das
formas e cores o universo individual de cada un. Loitar polo que levamos nas entrañas.
Prestoume moito achegarme o mundo Díaz Pardo. Esas cores
simples e potentes. As formas que dalgún modo representan o noso transcurso
pequeno a través da historia.
Daquela imaxinei voando ao meu arredor unha balea-nauta
da súa man. Do seu amor e devoción a esta terra.
E velaí o resultado.
Balea de Xosé Iglesias Lamela (foto de Xurxo Lobato) |
Unha xibarte pregoando de norte a sur, de leste a oeste que somos unha nación. Herdamos unha cultura, un idioma, unha forma de traballar e expresarnos que é exclusivamente nosa. Defendámola, volvamos construír o camiño cara a nosa casa común.
Avante sempre!!
Xosé Iglesias Lamela, Costa da Morte, Cée, patrón de pesca,
mariñeiro, poeta e creador galego.
Xibarte de Xosé Iglesias (fotografía de Xurxo Lobato) |
Comentarios
Publicar un comentario