Pepa Dios, A Arousa e Isaac Díaz Pardo

 

Bandoleira de Pepa Dios

"Son Pepa Dios, nada na Illa da Arousa, onde actualmente resido", achega a autora da manda de hoxe. E boa sorte é ser nada no paraíso e nadar dentro del. Boa fortuna resulta residir ao pé do Atlántico onde toda a luz se converte en estímulo e o mar en acuarela. 

"Dende que deixín a escola dedícome á costura, o meu medio de vida. No meu tempo libre boto man da lectura". Amais diso elabora obras fabulosas, a maior parte vinculadas ao mundo téxtil, por iso a autora desta manda sinala o seguinte: "desenvólvome entre fíos e farrapos", ao que se lle debería engadir "como peixe na auga".

Pepa Dios entrega unha bandoleira, riscada por cores brillantes, con moita luz, e cuxo pecho é unha peza de Sargadelos. Esa doa cerámica serve de botón ou, como dicían as nosas avoas, de forma... Pois botarlle as formas a unha camisa non era outra cousa que "pegarlle os botóns". A orixe da palabra quizais puidese vir do seu aspecto, pois como "mamá Rosa" sinalaba, eran pezas de madeira ou elaboradas con cunchas ou outros materiais que tiñan determinadas formas (máis redondeadas, máis ovais).

Alén diso, do bico do bolso, nas proximidades dun corazón celeste e doutro carnal, pendura un amuleto de Sargadelos, concretamente un larpán, para escorrentar a todas aquelas persoas que buscan anoxarnos. Fixádevos que traballo tan acaído para quen busca ter a mente na Terra (a Nosa) e os pés mergullados no Mar (tamén no Noso).



 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños