Manuel Ayaso, Díaz Pardo e a cerámica



Convidamos hoxe á mesa redonda das amizades de Isaac Díaz Pardo a Manuel Ayaso Dios, un artista do Barbanza formado en Estados Unidos. Segundo a información que nos facilita Eme Cartea, "dende a escola pública de Aguiño pasa a estudar na Lafayette Street School en Newark (New Jersey), na Arts High School de Newark e logo en The New Jersey School of Fine and Industrial Arts, tamén en Newark. Posúe diversas distincións, como a Comfort Tiffany Foundation Grant, a Childe Hassam Award, a Paleta de Plata de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Galegos) e o Premio Barbantia da Cultura Galega...".

Non hai moito puidemos visitar a súa última mostra exposta no Museo do Gravado de Artes (Ribeira), onde máis de 150 estampas ilustran a Metamorfose de Kafka. Alí certificamos as súas impresionantes figuras -tantas veces de liñas "goyescas"-, ás veces obsesivamente dispostas unhas ao carón das outras, o que nos fai lembrar a Picasso ou incluso ao Bosco, nunha combinación entre expresionismo e surrealismo. Alén disto, existen chiscadelas moi obvias cara á obra de Castelao, Rembrandt e diversas personalidades das artes plásticas...

Sinala Cartea que as súas obras adoitan denunciar as inxustizas sociais, combater o poder ou poderes (civís, relixiosos...) e envólvense de supersticións, medos e, por veces, dor. Traballa o debuxo, o gravado, a escultura, a cerámica, a acuarela e varias técnicas máis. Porén, para lembrar a Isaac Díaz Pardo trae hoxe a esta mesa de amizades tres pratos cerámicos de cores vivas, das que sobresaen o azul, o vermello, o negro e o amarelo. 

A primeira cerámica de Ayaso, verbo dos comentarios de Eme Cartea, é cadrada é representa "un repoludo e colorido gaiteiro coa palabra 'morriña' estampada no fol e cun sol negro no fondo. Esta peza ten 30 centímetros de lado.


A segunda, redonda, "reproduce un ser híbrido", un paxaro con face humana "que pesca coas poutas un peixe". Ao fondo de todo tamén "brilla" un sol negro. Conta con 32 centímetros de diámetro.



E a última peza, cun soporte semellante á anterior, é un "busto de home cun paxaro (tipo Max Ernst) na testa". 26 centímetros é o diámetro da mesma.


Beizóns e que sigamos todas e todos ao redor da mesa redonda de Isaac. Seguro que nos nutriremos de arte e sensibilidade.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños