Francisco J. González Piñeiro, Isaac e a Terra


Ti es
... é o título co que rotula Francisco Javier González Piñeiro, un vigués que reside no Montouto (Compostela) dende hai tres lustros, a súa manda para lembrar a Isaac Díaz Pardo. O autor escribe dende os trece anos e, dende que chegou a Pandemia, retomou a escrita pois -di el- que é o único que sabe facer, "xuntar palabras e sentimentos". Dubidamos que sexa o único, pois ganduxar palabras, en certo xeito tamén é facer poesía, tecer historia, comprometerse coa Terra, desa que fala na súa manda e que identifica -sen miraxes e espellos- na propia figura de Isaac.

Velaquí un texto para ler, pousadamente, mentres as espirais sexadas ao remexer un café nos trasladan aos labirintos cerámicos de Isaac.

Ti es...


Dende a altura dos teus ollos, por enriba da maña e o que queda das túas pegadas, máis alá da propia vida, fostes Terra da Terra, traballo que fixo do teu sorriso e esforzo: Galiza.

E pra min ti es o meu pais, o meu acento, a herdanza do que significou o amor á Terra e o traballo incansábel por ela; por todos nós.

Ti es Galiza, e nós parte das túas mans que nos fixeron crecer e crer, loitar, gañar e perder, ver con ollos grises do pasado a magoa de dar todo por perdido esbozando o sorriso de que todo está por chegar.

Fostes e es raíz. A máis pequena. Talvez non a máis profunda que afastase do teu tronco en primavera e nas portas do inverno sentise mais preto pra verte adormecer.

E es a parte da zume e os teus acentos e a chama que rexenta pra deixarse pra encher un océano, un alado bosque de mandrágoras.

Es a infinita parte dos intrépidos que te adormecen nun berro de mans escollidas e apreciadas polo tempo, solícitos dedos emancipados de varón e sangue, ourives dedos que fixeron de ti, home, muller e neno, bebida e alimento!

Fuches nun renacido baypás que fixo de ti, nas túas mans, Terra barroca nos seus alcumes, e lembranza diaria nos seus oficios!; alalá xordo que replicaba nos campos aínda orfos dunha sacudida feita de agarimos e loita diaria e moitas veces -demasiadas- esquecida nestes tempos de pandemias; sacrificios e solidariedade tramposa e que subiu por lo chan das beirarrúas a lume de carozo pra se perder na choiva dun mes de Xulio.

Isaac ti es Galiza. Xente que vive a costas do mar cando o norte fai dos queixume dos pinos un cantar de retirada e de xente que leva nas súas caras o sal e a espuma dunha viaxe entre as olas e sortean as gaivotas que agochan nas redes o momento de volver á Terra e aos peiraos.

Fai moito tempo cando aínda eu era un neno de pantalón curto e bocadillo de nocilla nun peto escoitei: “meu amigo deixa que fale o tempo; sempre di verdades e ás veces sacude as ramas pra deixar as súas verbas pra quen as queira ler”.

Isaac, sacudiches moitas ramas e segues facéndoo.

Magoa dun pobo que demasiadas veces segue comportándose coma unha nación de analfabetos.

(Francisco Javier González Piñeiro)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños