Cathy e Riiko Thomas, Isaac, Sargadelos e Australia
SARGADELOS EN AUSTRALIA
Riiko Ceramics - Sidnei - Australia (riikoceramics.com.au) |
Desde Australia chéganos unha manda moi especial de dous namorados da cerámica de Sargadelos. Cathy e Riiko Thomas, propietarios dunha tenda de cerámica en Sidnei, visitaron Galicia no ano 2008 e, paseando pola cidade de Lugo, descubriron a Galería Sargadelos, na que se expoñían vaixelas, xogos de té e de café, figuras e xoias de fermoso deseño. Os dous ficaron engaiolados da beleza das pezas que constituían, na súa opinión, “un auténtico pracer para a vista”.
riikoceramics.com.au |
Ao chegaren a Sidnei, decatáronse de que esta cerámica era absolutamente descoñecida tanto en Australia coma en Asia, polo que acordaron incorporala á súa galería.
Desde entón, a nosa cerámica de Sargadelos pódese adquirir tamén nas antípodas. Outrora na tenda situada no barrio de Marrickville en Sidnei –pechada actualmente por mor da pandemia–, e arestora a través da súa tenda online. Aquí vos deixamos o enlace da web da galería (riikoceramics.com.au) destes ferventes admiradores de Isaac Díaz Pardo, os cales, desde o primeiro momento, se sumaron entusiasmados á homenaxe organizada polo colectivo “Alento esbravexo” para conmemorar o centenario do noso irrepetíbel artista.
E como eles din: "Beautiful ceramics from the earth, for the table - Fermosas cerámicas dende a terra, para a mesa".
Magnífico!
ResponderEliminar